Skip to main content

Bernardo Atxaga analiza no CGAC a relación entre o devir da sociedade e da cultura

O escritor e académico da lingua vasca Bernardo Atxaga abriu no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o ciclo ‘Cara a onde? Observando a transformación cultural e social desde a literatura’, unha iniciativa “pegada á literatura dos nosos días, para analizar desde a ollada dos escritores e das escritoras a relación entre o devir da sociedade actual e a cultura”.

Así se referiu ao ciclo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que foi o encargado de “abrir as portas deste novo ciclo”, que conta con “voces literarias claves na actual construción cultural”. E é que, xunto con Bernardo Atxaga, tamén participarán no ciclo durante as próximas sesións Suso de Toro, Carme Riera e BradleyEpps.

“É unha satisfacción contar con Atxaga nesta sesión de apertura –afirmou Anxo Lorenzo– un dos escritores de referencia das letras actuais, Premio Euskadi e Premio Nacional de Narrativa, e sobre todo, autor de páxinas devoradas polos lectores, nas versións orixinais e nas traducidas”. O secretario xeral de Cultura lembrou que os galegos “temos a sorte de poder ler as súas páxinas vascas tamén na nosa lingua, grazas en boa medida ao traballo de tradución de Ramón Nicolás”. Tamén recordou que o académico foi distinguido o ano pasado como Galego Universal pola Asociación de Escritores e Escritoras en lingua galega.

O director do ciclo é o escritor Alfredo Conde, “unha das plumas de referencia no noso país”, con obras tan coñecidas e recoñecidas como ‘Xa vai o griffón no vento’, que foi merecente do Premio Nacional de Narrativa. El será o moderador de cada unha das sesións, nas que tamén participarán “outros mestres da escrita e bos coñecedores e analistas da produción literaria actual” como Henrique Alvarellos, Xosé López Silva e Ramón Nicolás.

Eles serán os encargados de incorporar á mesa outros puntos de vista e interrogantes, “de maneira que o debate estea servido e que nos obrigue a todos a ir reformulando as nosas cavilacións e argumentos; en definitiva, para enriquecer este espazo de pensamento”.

Voces literarias claves

A sesión desta mañá, protagonizada por Atxaga, irá seguida doutras tres sesións, tamén en sábado, con Suso de Toro, Carme Riera e BradleyEpps, que nos ofrecerán a súa mirada persoal sobre distintos aspectos da sociedade actual como a cuestión lingüística, ou os intereses emerxentes da sociedade e os novos ámbitos de construción da identidade colectiva.

O vindeiro 11 de abril, Suso de Toro defenderá ‘Unha obra literaria pide lector, unha literatura pide estado’. O autor galego compaxina a docencia co seu traballo literario, a creación de guións para radio e televisión e as colaboracións en diferentes medios de comunicación. Obtivo diversos premios literarios e a súa obra, traducida a varias linguas, foi obxecto de estudo en diversas universidades. Ao seu entender, as linguas precisan espazos sociais e nacionais para existiren e a protección dun estado que vincule a súa existencia á da propia lingua, ou non. Pregúntase se a lingua galega tivo un estado que a protexese desde 1975.

‘A literatura morreu, viva o fútbol’ será o relatorio de Carmen Riera o 23 de maio. Premiada pola autoría de novelas, contos e ensaios en catalán e castelá, é membro da Real Academia Española e da Real Academia de Boas Letras de Barcelona. A súa obra foi traducida a numerosas linguas entre as que se atopa o alemán, o ruso, o grego ou o hebreo. A escritora expón a perda de interese do pobo pola literatura ao deixar de ser un feito ligado á cuestión nacional, fronte aos equipos de fútbol que si conseguen esa forte relación a pesar da orixe diversa dos seus integrantes.

A derradeira xornada será o 20 de xuño cun relatorio a cargo de BradleyEpps baixo o título‘A que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística’. Profesor de literatura española en diversas universidades de Estados Unidos e Reino Unido como Harvard ou Cambridge, e fondo coñecedor das diferentes realidades culturais da península Ibérica, os seus traballos tocan temas como a muller, o xénero, a literatura o cinema ou a arte. Epps reflexionará sobre o estado permeábel e precario das Letras e sobre a estranxeiría como condición continxente: non se é estraño ou estranxeiro senón que se está. Unha condición que atravesa toda lingua normalizada, non normalizada e por normalizar.

Segundo asegurou o secretario xeral, o CGAC constitúe “un centro de referencia para as artes dos nosos días, nun sentido amplo, para a reflexión e o diálogo entre os distintos ámbitos creativos”. “Así entendemos esta busca de pontes e de debates entre disciplinas, imprescindible para abrir camiños novos e para entender un pouco máis o conxunto da construción cultural contemporánea”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia