Skip to main content

Galicia recibirá do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca máis de 371 millóns de euros no periodo de 2014-2020

Galicia recibirá do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) un total de 371.016.842 euros no período 2014-2020. Esta asignación, sumada á contribución pública nacional e a contribución privada estimada, fará que o total de gastos subvencionables polo FEMP na nosa Comunidade ascenda a 681.787.952 euros.

Así o explicou esta tarde na Comisión Permanente non Lexislativa para Asuntos Europeos do Parlamento o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, quen indicou que a distribución destes fondos entre as diferentes comunidades autónomas están baseados en criterios obxectivos, transparentes e obtidos a partir de fontes oficiais e contrastadas. Estes criterios son o peso da flota pesqueira, o valor económico da produción e o número de empregos xerados.

Juan Maneiro sinalou que Galicia, coa aplicación destes criterios, supón o 50,88% do sector pesqueiro español, gañando peso con respecto ao anterior período de 2007-2013, no que supoñía un 45,32%. As seguintes rexións de maior importancia pesqueira en España son Andalucía cun 17,72%, País Vasco cun 7,03%, Valencia cun 5,27% e Cataluña cun 4,97%.

Tendo en conta estes datos, o secretario xeral do Mar afirmou que “non parece que fose preciso realizar ningunha xestión diante do Goberno Central para esixir a xestión directa dos fondos FEMP”. Engadiu que “entendemos que o reparto entre comunidades autónomas e Administración Xeral do Estado fíxose seguindo, como non podía ser doutra maneira, o establecido no Regulamento do FEMP e empregando criterios obxectivos, transparentes e verificables cos que Galicia, como a maioría das outras comunidades, estivo en todo momento de acordo”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia