Skip to main content

O Sergas e asociacións galegas de afectados reúnense para analizar o borrador do Plan Nacional da Hepatite C

Representantes do Servizo Galego de Saúde reuníronse con representantes das asociación galegas da hepatite C no marco do desenvolvemento do Plan Estratéxico para a abordaxe da hepatite C no Sistema Nacional de Saúde.

Este encontro, previo á aprobación do documento por parte do Consello Interterritorial do SNS, permitiu ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, e á subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado, coñecer de primeira man as impresións da asociación galega de transplantes Airiños, da plataforma galega VHC, e da asociación galega de hemofilia AGADHEMO.

O Plan, que está presentado en formato borrador e que se encontra en elaboración por parte dun comité de expertos, está aberto á participación de asociacións de pacientes, colexios profesionais, e sociedades científicas que de forma independente poden presentar as alegacións e aportacións que consideren oportunas.

Con esta reunión, a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde continúa a avaliar e a traballar para ver cómo implementar as liñas de actuación do plan nos distintos hospitais da nosa comunidade autónoma.

O Plan Nacional da Hepatite C será aprobado oficialmente no próximo Consello Interterritorial, previsto para finais de marzo de 2015.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia