Skip to main content

Un número importante de vivendas con antena colectiva aínda non se adataron ás novas frecuencias de TV

O Dividendo Dixital é o proceso polo cal se debe liberar a banda de frecuencias de 800 MHz (canles 60 a 69), empregada ata o momento para a difusión de canles de televisión, para o despregue de servizos avanzados de comunicacións en mobilidade (4G) a partir do 31 de marzo de 2015.
Como consecuencia deste proceso, que se desenvolve de xeito harmonizado a nivel europeo, as canles de televisión que se atopaban na banda a liberar están a reubicarse noutras frecuencias.

En Galicia, o Dividendo Dixital afecta a todos os fogares xa que tanto as canles de TVE como das televisión privadas de cobertura estatal, serán trasladadas a outras frecuencias, ao igual que as canles de ámbito autonómico (TVG, TVG2 e V Televisión) no noroeste da provincia da Coruña e na provincia de Pontevedra, obrigando a resintonizar os aparatos receptores.

No caso das vivendas que comparten unha instalación de recepción colectiva (xeralmente edificios con 3 ou máis vivendas resulta preciso porse en contacto cun instalador de telecomunicacións rexistrado para que realice as adaptacións necesarias na antena colectiva do edificio, antes de proceder á resintonización dos receptores nas vivendas.

Convén non demorar a solicitude de adaptación das instalacións de antena colectiva pendentes de reaxustar, dada a proximidade do día 31 de marzo e que aínda resta por adaptar un elevado número de instalacións.
O Ministerio de Industria, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e da Sociedade da Información, activou unha liña de axudas dirixida ás comunidades de propietarios para a adaptación das instalacións colectivas de recepción de TV. O prazo de solicitude está aberto ata o 30 de xuño. Os beneficiarios deben aportar factura da empresa instaladora. As subvencións oscilan entre os 150 e os 500 €, en función do alcance da adaptación. Pola súa parte, os cidadáns que reciben as canles a través da TDT SAT, non se verán afectados por este proceso.

FASES DO DIVIDENDO DIXITAL

Tras a reordenación de canles que tivo lugar o 26 de outubro do pasado ano, que obrigou á resintonización de boa parte dos receptores, iniciouse o proceso de antenización e resintonización, consistente en:
* Acometer as adaptacións necesarias na antena comunitaria dos edificios de 3 ou máis vivendas.
* Resintonizar os receptores das vivendas, para recibir correctamente nas novas frecuencias as canles afectadas polo Dividendo Dixital, antes de que remate o prazo establecido para o cese das frecuencias a liberar, prazo que foi ampliado do inicial 31 de decembro pasado ao vindeiro 31 de marzo.
Co fin de facilitar o proceso de antenización, as cadeas de TV activaron a emisión simultánea das súas canles, tanto nas novas frecuencias asignadas como nas que cesarán o 31 de marzo, naquelas estacións que dan cobertura a un número significativo de vivendas con antena colectiva.

Na zona de cobertura das estacións sen emisións simultáneas, deben resintonizarse os receptores e adaptar a antena se é de tipo colectiva, coordinadamente cos reaxustes programados polas cadeas de TV.
En relación ás actuacións na rede oficial autonómica, a través da cal se emiten as canles TVG, TVG2 e V televisión, o 23 de decembro de 2014 executouse por parte de RETEGAL a derradeira das actuacións de reaxuste ás novas frecuencias previstas ao abeiro do plan para a liberación do Dividendo Dixital.

Dende ese día, cunha semana de anticipación sobre a data límite anterior, é posible recibir o múltiple autonómico de Galicia nas novas frecuencias en todas as estacións oficiais, mantendo as emisións simultáneas nas estacións que dan cobertura a un número significativo de instalacións colectivas ata o 31 de marzo.

Nesa data producirase o cesamento das frecuencias a liberar como consecuencia do Dividendo Dixital, polo que:
* Aquelas vivendas con antena colectiva que non efectuasen a adaptación deixarán de recibir as canles que mudaron de frecuencia. Para recuperar esas canles, será preciso a adecuaxión da antena cpomunitaria por un instalador autorizado e a posterior resintonización dos receptores en cada vivenda.
* Se a instalación non é de tipo colectivo, pode resultar preciso resintonizar os televisores e reordenar a lista de canles para a situación consolidada final.

INFORMACIÓN AOS CIDADÁNS

O cesamento das emisións das canles afectadas polo Dividendo dixital é un proceso que se desenvolve a nivel nacional coordinado entre radiodifusores e dirixido polo Goberno do Estado, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información.

Os cidadáns están permanentemente informados do proceso e das súas implicacións a través da campaña de comunicación xeral iniciada polo Goberno o pasado 15 de outubro de 2014, e que se extenderá ata o 31 de marzo de 2015, a través de anuncios en prensa, radio e televisión

Aínda que a data de cesamento establecida de xeito xeral é o próximo 31 de marzo, nalgunhas zonas concretas pode ter que realizarse en datas distintas por razóns técnicas.

En calquera caso, nos días anteriores ao cesamento previsto para cada centro emisor intensificarase a comunicación a nivel local, detallando:

- horario de cesamento ou dos cortes para o reaxuste.
- localidades e poboación afectadas.
- canles que cesan e a nova frecuencia na que se activan.
- hora a partir da cal os cidadáns poden resintonizar os receptores para adaptar a lista de canles á situación consolidada final.

EN CALQUER MOMENTO DO PROCESO OS CIDADÁNS PODEN INFORMARSE DIRECTAMENTE A TRAVÉS DA WEB http://www.televisiondigital.gob.es OU CHAMANDO AOS TELÉFONOS DE ATENCIÓN AO CIDADÁN HABILITADOS A ESTE EFECTO: 901 20 10 04 e 954 30 77 96
Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia