Skip to main content

Traballo e Educación suman esforzos para mellorar o emprego xuvenil coa formación

Os titulares dos departamentos autonómicos de Traballo e Benestar e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veñen de asinar en Santiago un convenio de colaboración que permitirá que os centros dependentes de Traballo oferten Formación Profesional e os de Educación formación para o emprego co obxectivo de unir sinerxias e optimizar o uso dos recursos.

A titular de Traballo, Beatriz Mato, e o titular de Educación, Román Rodríguez, firmaron o acordo co obxectivo de “sacar o máximo proveito” das instalacións públicas de docencia- os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e Institutos de Educación Secundaria (IES)- e, o que é máis importante, segundo destacaron, “mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas a través da formación”.

Así, dunha banda, a Consellería de Traballo e Benestar achegará un total de 3,8 millóns de euros, un 19 por cento máis que en 2014, para financiar un total de 71 cursos que van beneficiar a máis dun millar de alumnos e alumnas tanto nos Centros Integrados de Formación Profesional como nos Institutos de Educación Secundaria.

Entre as materias que se impartirán destacan as de sistema de microinformática; instalación e mantemento de sistemas de electromedicina; eficiencia enerxética de edificios, promoción turística local e información ao visitante; instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes; atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; pintura de vehículos; cociña; respostería; montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos; montaxe e mantemento de sistemas de automatización industrial ou de infraestruturas de telecomunicacións en edificios; ou programación e desenvolvemento de accións culturais, entre outras.

En concreto, para os CIFP destinará 2,6 millóns de euros para financiar 49 cursos para 735 alumnos. O orzamento, tal e como sinalou Mato, xa se dobrou en 2014 e neste exercicio o incremento é do 13 por cento. Para os cursos para o emprego que se impartirán nos Institutos de Educación Secundaria, o departamento de Traballo investirá 1,2 millóns de euros para financiar 22 cursos que beneficiarán a 330 alumnos e alumnas. Mato lembrou que este tipo de accións formativas ofertáronse nos IES por primeira vez o ano pasado.

A conselleira resaltou que o obxectivo desta actuación é aumentar a empregabilidade da mocidade galega e,polo tanto, incrementar a produtividade e competitividade do tecido empresarial. Por iso, Mato indicou o esforzo que está a facer o Goberno galego para reforzar as partidas de formación para o emprego ás que en 2015 destínanse máis de 66 millóns de euros, un 4,5 por cento máis que en 2014. Con este orzamento poderán beneficiarse 25.000 alumnos e alumnas.

Formación certificada

Por último, a titular de Traballo puxo en valor a calidade da formación que se ofertan nos centros públicos, destacando que está orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade. Neste senso, lembrou que Traballo ten financiado desde 2009 actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade. “E un ano mais a práctica totalidade das actividades formativas están vinculadas á obtención dun destes certificados”, rematou Mato.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación salientou a aposta que a Xunta de Galicia está a facer pola empregabilidade da cidadanía a través do impulso da formación. No caso concreto do seu departamento fixo fincapé no importante avance que ten experimentado a FP nos últimos anos coa introdución das modalidades dual e a distancia, así como os procedementos de avaliación e acreditación de competencias adquiridas pola experiencia profesional. Así mesmo, lembrou que Cultura e Educación está a estender a rede de viveiros de empresas en centros educativos como unha oportunidade de acceso ao mundo laboral.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia