Skip to main content

Galicia defende en Bilbao a participación na Estratexia Atlántica da Unión Europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bilbao na reunión do Buró Político e da Asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas e Mariñas de Europa (CRPM).

Na reunión, que tivo lugar no Palacio Euskalduna, Gamallo defendeu que 2015 é un ano clave para as rexións atlánticas, xa que despois de longas negociacións están listas para aplicar os novos programas da política de cohesión para o período 2014-2020 e se están a ultimar os Programas Operativos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Ademais, o plan de investimento do presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, prevé liberar 315.000 millóns de euros de investimento público e privado para a economía real durante os tres próximos anos, 2015-2017, e a Estratexia Atlántica entra na súa fase operativa, cun gran número de accións previstas a escala da conca marítima para liberar o potencial do chamado crecemento azul.

Por isto, durante a Asemblea da Comisión Arco Atlántico o encargado das relacións exteriores da Xunta expuxo que a chamada Estratexia Marítima Atlántica da UE debería ter o recoñecemento de Estratexia Macrorrexional. “O vector marítimo debe seguir sendo un piar central desta estratexia, pero o recoñecemento da estratexia Atlántica como estratexia Macrorrexional será beneficioso en termos de visibilidade e de asunción dos obxectivos”.

Cómpre lembrar que Galicia participa dende 2010 na Macrorrexión RESOE, unha iniciativa de cooperación territorial pioneira no sur do continente europeo para gañar máis peso en Europa, ademais de aumentar as posibilidades de acceder a fontes de financiamento comunitario a través do establecemento de prioridades estratéxicas para o territorio que abrangue.

Coa creación da RESOE logrouse un reforzo da alianza político institucional entre Galicia, Castela e León, o Norte de Portugal e, recentemente, Asturias e a Rexión Centro de Portugal. As tarefas de cooperación articúlanse en cinco grupos de traballo: demografía, transporte e loxística, competitividade industrial, turismo e fomento do emprego e de educación e cultura e I+D+I.

Estratexias de especialización intelixente

Outra das decisións que se tomaron en Bilbao foi a de exhortar á Comisión Europea a apoiarse nas prioridades das Estratexias de especialización intelixente (RIS3) das Rexións Atlánticas e no Plan de Acción da Estratexia Atlántica na programación dos fondos europeos ata 2020. Iso permitirá que os fondos dispoñibles coincidan coas expectativas dos territorios no ámbito da economía marítima.

Ademais, a Comisión Arco Atlántico manifestou o seu desexo de que o chamado ‘Plan Juncker’ permita financiar grandes proxectos estructurantes nas Rexións Atlánticas e xa dispón de propostas que transmitir, principalmente no concernente ao sector da náutica, a eficiencia enerxética e as industrias marítimas, incluídas as enerxías mariñas renovables.

Galicia buscará proxectos susceptibles de ser financiados polo ‘Plan Juncker’

A ese respecto, Galicia formará parte dun novo grupo de traballo ad hoc, no seo da Comisión Arco Atlántico, no que tamén participarán as comunidades de Cantabria e País Vasco e as rexións francesas de Pays de la Loire, Aquitania e Bretaña. O obxectivo deste grupo será estudar, deseñar e propor á Comisión Europea proxectos susceptibles de ser financiados polo ‘Plan Juncker’, que pretende xerar cerca de 400.000 millóns de euros da economía real e crear máis de un millón de empregos en toda a UE nos vindeiros tres anos.

Por último, na declaración final da Asemblea xeral do Arco Atlántico aprobouse un Plan para mellorar o trazado e a accesibilidade dos mapas das Redes Transeuropeas de Transportes (RTE-T), así como que a activación do chamado Fondo de Solidariedade da UE poida facerse a petición de varias rexións e non só dos Estados. O Fondo de Solidariedade pode activarse ante unha catástrofe climática que afecte a varias rexións europeas, pero ata o de agora só pode activarse a petición dun goberno nacional.

A Comisión Arco Atlántico é unha da seis Comisións xeográficas da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas de Europa (CRPM) e agrupa a 19 autoridades rexionais de cinco Estados: España, Portugal, Irlanda, Francia e Gran Bretaña. A Comisión realiza intercambios constantes co obxectivo de facer das Rexións periféricas atlánticas uns territorios decididamente orientados cara á innovación e o futuro, xeradores de crecemento económico e de cohesión social e territorial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia