Skip to main content

Obradoiro de Integración Lingüística e Cultural para Inmigrantes e Emigrantes Retornados/as

Este obradoiro, que se desenvolverá cunha metodoloxía fundamentalmente práctica e que incluirá ademais sesións de cine, teatro, música, prensa, etc., terá lugar entre o 14 de marzo e o 7 de abril, en horario de 19.00 a 21.00 h, cunha duración total de 32 horas. Os/as emigrantes retornados/as e os/as inmigrantes que estean interesados/as en participar poderán inscribirse de balde no Servizo de Normalización Lingüística (Pazo da Cultura. Rúa do Pan s/n. 981 704 304, normalizador@carballo.org) até o día 9 de marzo.

Obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as

Introdución e xustificación
Galicia –e a sociedade galega– ten unhas características particulares debido a que conta cunha historia, cunha cultura e cunha lingua propias e diferenciadas das outras do seu contorno. As institucións galegas, entre elas o Concello de Carballo, dedícanlle notables esforzos á normalización da lingua galega co obxectivo de que o galego sexa o vehículo de comunicación normal en todo tipo de relacións na nosa sociedade (nas relacións familiares, na administración, na escola, nas actividades económicas, etc.), algo que non está nada lonxe se temos en conta que segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, o galego é a lingua que usa sempre máis do 85% da poboación do noso concello e tamén da nosa comarca.
Sen dúbida, un dos primeiros pasos que cómpre dar para integrarse eficazmente nunha sociedade é coñecer a súa historia, a súa cultura e a súa lingua.
Por todas esas razóns, desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo quéreselle facilitar a integración nesta nosa sociedade a todas aquelas persoas que se acaban de incorporar a ela, ben por ser naturais doutro país, ben por estar fóra de Galicia durante algún tempo. E para cumprir con isto organizamos un Obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as.
O obxectivo fundamental do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo é o de facer progresar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio en todos os ámbitos do termo municipal. Agora ben, atendendo a estes obxectivos non nos podemos esquecer da xente que non coñece o noso idioma, a nosa cultura, a nosa historia e a nosa situación actual, sobre todo cando acaban de chegar á nosa sociedade.
Debido á alta poboación de emigrantes retornados/as que viven en Carballo e en Bergantiños e tamén á crecente poboación de inmigrantes, considérase de interese a organización dun obradoiro dirixido a este sector da poboación, para deste xeito facilitarlle a súa integración na sociedade galega e carballesa actual dándolles unhas nocións básicas de lingua e cultura galegas, que lles sirvan para integración na nosa comunidade e que sexan aproveitables tamén como paso previo á realización dos cursos oficiais de iniciación e perfeccionamento.
Este obradoiro incluirá contidos básicos de galego dirixidos para non galegofalantes, pero ademais incluirá tamén algún contido básico sobre a situación actual do uso da lingua galega, de lexislación lingüística, de cultura e sociedade galega, etc.
Obxectivos
- Facilitarlles a integración na sociedade galega e carballesa aos/ás emigrantes retornados/as e aos/ás inmigrantes.
- Darlles a coñecer a historia e situación de Galicia e de Bergantiños, da sociedade, da cultura e, nomeadamente, da lingua.
- Facilitarlles unhas nocións básicas para a comprensión oral e escrita da lingua galega.
- Facilitarlles unha nocións básicas para a fala e escrita da lingua galega.
Destinatarios/as
- Emigrantes retornados/as que vivan na comarca de Bergantiños
- Inmigrantes que vivan na comarca de Bergantiños
Metodoloxía
- Fundamentalmente práctica. Escoitar > Ler > Falar > Escribir
Duración
- 32 horas, repartidas en 16 sesións de 2 horas cada unha.
Estruturación das sesións
16 sesións de dúas horas cada unha

1.ª sesión
Para irnos entendendo I. Nocións para a comprensión da lingua galega escrita
2.ª sesión
Para irnos entendendo II. Nocións para a comprensión da lingua galega oral
3.ª sesión
Intentémolo nós I. Nocións para a escrita en lingua galega I
4.ª sesión
Intentémolo nós II. Nocións para a escrita da lingua galega II
5.ª sesión
Intentémolo nós III. Nocións para a fala da lingua galega I
6.ª sesión
Intentémolo nós IV. Nocións para a fala da lingua galega II
7.ª sesión
Galicia: unha historia, unha xeografía, unha poboación, unha lingua, unha cultura, unha literatura, etc.
8.ª sesión
Bergantiños e Carballo. A súa xeografía, a súa xente, os seus costumes, os seus escritores e escritoras, etc.
9.ª sesión
Historia e situación da lingua galega (evolución, usos e lexislación)
10.ª sesión
Hoxe vivimos en galego I. Lemos a prensa e escoitamos música
11.ª sesión
Hoxe vivimos en galego II. Imos ao cine (sesión de cine)
12.ª sesión
Hoxe vivimos en galego III. Imos ao teatro (sesión de teatro). Así que pasen cinco anos, de Sarabela Teatro (1 de abril).
13.ª sesión
Hoxe vivimos en galego IV. Visitamos páxinas web, mandamos un e-mail e deixamos a nosa mensaxe nun foro
14.ª sesión
Hoxe vivimos en galego V. Facemos a lista da compra e facemos o noso currículo
15. ª sesión
Hoxe vivimos en galego VI. Imos a unha entrevista de traballo
16.ª sesión
Hoxe vivimos en galego VII. Tomamos un café e falamos cos amigos e amigas
Impartición das sesións
- Concha Diéguez: sesións 1-2-3-4-5-6 (Lingüista. Reverso Servizos Lingüísticos).
- Xan Fraga: sesión 7 e 8 (Historiador, articulista, conferenciante e profesor do IES Urbano Lugrís de Malpica).
- Nel Vidal: sesión 9 (SNL do Concello de Carballo).
- Raúl Piñeiro: sesións 9-10-11-13-14-15-16 (Animador de tempo libre e lingüista. Reverso Servizos Lingüísticos).
Datas e horario
- Datas: do luns 14 de marzo ao xoves 7 de abril: 14, 15, 16, 17, 21, 22, 23, 28, 29, 30, 31 (marzo), 1, 4, 5, 6 e 7 (abril).
- Horario: de 19.00 a 21.00 h (excepto o venres 1 de abril, sesión de teatro ás 21.00 h).
Inscrición
- De balde. No Servizo de Normalización Lingüística até o 9 de marzo. A matrícula é individual e respectarase a orde de inscrición.

Máis información:

Servizo de Normalización Lingüística
Concello de Carballo
Pazo da Cultura
Rúa do Pan s/n
15100 Carballo
Tfno.: 981 704 304
Fax: 981 704 302
normalizador@carballo.org


Servizo de Normalización Lingüística - Concello de Carballo