Skip to main content

Puy avoga por aprender dos resultados do PP en Andalucía para vindeiras eleccións

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, recoñeceu que o Partido Popular “non tivo un bo resultado” nas eleccións de Andalucía, polo que avogou por “aprender para que nas próximas convocatorias electorais sexamos capaces de comunicar no que está consistindo a acción do Goberno”. Así mesmo, dixo que os resultados de Andalucía “veñen a demostrar que unha cousa son as enquisas e outra son os votos, e finalmente púxose de manifesto que, a pesar da caída dos partidos principais, as formacións políticas que configuraron o sistema democrático continúan a ser as dúas alternativas sobre as que pivota a posibilidade de gobernar unha comunidade autónoma, un concello ou a nación”.

Pedro Puy compareceu ante os medios para dar conta da xuntanza celebrada polos deputados do Grupo Popular preparatoria do Pleno que se celebra esta semana. En concreto, destacou as dúas iniciativas lexislativas que se debaterán. En primeiro lugar, debaterase para a súa aprobación o proxecto de Lei de garantía de calidade dos servizos públicos e da boa administración, “un texto que ven mellorado grazas ás 16 trasaccións incorporadas no trámite de ponencia e comisión e aúna o apoio xeral ao 50 por cento do articulado desta norma”.

Esta nova lei incorpora importantes novidades na xestión dos servizos públicos como a existencia dun plan plurianual de inspección, avaliación e mellora da calidade dos servizos; a utilización das opinións dos usuarios nos procesos de avaliación e mellora; ou a introdución de estándares mínimos de calidade para cada servizo, que permitan á persoa usuaria reclamar responsabilidades se non se cumpren”.

En segundo lugar, celebrarase o debate para a admisión a trámite da proposición de lei presentada polo Grupo Popular que pretende regulamentar toda a capacidade de participación directa da cidadanía nas actividades parlamentarias, como complemento da labor habitual que fan os grupos parlamentarios de contacto coa sociedade e de interlocución a través das asociacións que a representan. “Se abren as portas do parlamento para que a participación sexa máis áxil e intensa por parte da cidadanía nos procedementos de impulso e de control na Cámara”, indicou.

REDISTRIBUCIÓN DO VOTO EN ANDALUCÍA

Cuestionado sobre as eleccións celebradas onte en Andalucía, en primeiro lugar Pedro Puy felicitou “ao gañador, que é o Partido Socialista, e aos andaluces que participaron na elección do seu Parlamento, “que queda máis dividido e fai que o Partido Socialista, que ten un resultado en votos inferior, consiga o éxito de ser a forza máis votada”.

Respecto dos resultados do Partido Popular, apuntou que “tivemos un resultado peor do esperado, pero que en todo caso nos debe servir para seguir traballando pola mellora da situación económica e social do país, explicando cal foi a situación que nos atopamos ao chegar ao Goberno, que estamos a facer e cal é o resultado das actuacións desenvolvidas”.

Puy explicou que se produciu “unha redistribución do voto que recorda a anteriores momentos da democracia en que houbo un sistema multipartidista con dous partidos prevalentes e outros que apoiaron en determinados momentos ao Goberno”, pero sinalou que os resultados quedan “moi lonxe do que algúns prognosticaban dunha mutación radical do actual sistema de partidos”.



Gabinete de Comunicación do PPdeG