Skip to main content

Economía e Industria anuncia a posta en marcha do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou que a Xunta e o INTA crearán o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), un centro mixto compartido ao 50% entre ambas institucións, para o que achegarán 1,2 millóns de euros para financiar o seu funcionamento, que se sumarán aos 10 millóns de investimento en infraestruturas e equipamento. “Será o eixo vertebrador dos diferentes proxectos que se desenvolverán aquí no ámbito dos avións non tripulados”, sinalou Conde.

A firma do convenio que porá en marcha este centro dinamizará o resto de investimentos asociados ao proxecto, que inclúen a optimización da torre de control, a construción dun novo hangar e a dotación de sistemas de apoio e telecomunicacións. De feito, o INTA vén de poñer en marcha as primeiras 4 licitacións de obras de infraestrutura de Rozas, por valor de 800.000 euros, abrindo a porta ás empresas galegas a participar no proxecto.

A estas licitacións, sinalou Conde, seguirán outras de cara ao equipamento do centro, a través de mecanismos de compra pública innovadora “que será unha oportunidade para as nosas universidades e centros tecnolóxicos de participar no desenvolvemento e mellora” dos elementos tecnolóxicos clave do CIAR.

En total todo ese investimento suporá a creación de ata 50 postos de traballo de alta cualificación, impulsando a Lugo como un “polo aeronáutico” grazas ao esforzo conxunto da Xunta, o Ministerio de Defensa a través do INTA, e o Ministerio de Economía e Competitividade.

Conde resaltou a dimensión internacional que aspira a acadar o proxecto, a través do impulso dos fondos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) e do Horizonte 2020. Para optar aos 80.000 millóns de euros desta última ferramenta de financiamento innovador, o centro se crea coa vista posta en integralo na rede de centros Foro Estratéxico Europeo de Infraestruturas de Investigación (ESFRI).

O conselleiro subliñou que esta colaboración entre Xunta e INTA arranca con dous obxectivos claros: atraer multinacionais do sector aeronáutico e aeroespacial; e exercer tracción sobre o I+D+i de empresas e centros galegos, mediante licitacións nas que participen pemes galegas, o traballo desas multinacionais -que poden formar consorcios de innovación coas pemes da comunidade-, e a transferencia do coñecemento derivada do propio labor de investigación do INTA, sempre “con unha vocación moi clara: a transferencia de coñecemento”.

Conde resaltou que, desta maneira, “poñemos en marcha o centro que está chamado a ser un centro de referencia no deseño e desenvolvemento” de proxectos de aviación non tripulada que, indicou terán un impacto clave sobre o eido da xestión do territorio, con especial incidencia en Galicia. Neste senso, referiuse ao potencial dos avións non tripulados en ámbitos como a prevención de incendios e a vixilancia das rías fronte aos furtivos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia