Skip to main content

O Goberno galego expresa o seu pesar pola morte de dous mariñeiros en Laxe e as víctima do accidente aéreo nos Alpes

A Xunta de Galicia expresou hoxe o seu pesar polo falecemento dos dous mariñeiros que perderon a vida no concello coruñés de Laxe. Durante unha visita ao novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou en nome do Goberno galego as súas condolencias aos familiares e amigos, así como a solidariedade co sector.

“Lamentablemente, hai días en que as emerxencias marcan as noticias, e hoxe é un día triste. En primeiro lugar para Galicia, co falecemento destes dous mariñeiros; e en segundo lugar, para toda Europa, co accidente aéreo dos Alpes”, manifestou.

Accidente aéreo dos Alpes

A Xunta de Galicia, a través do presidente do Goberno autonómico, trasladou en nome de todos os galegos as súas condolencias aos familiares e amigos dos falecidos hoxe no accidente do avión da compañía Germanwings nos Alpes que cubría a ruta entre Barcelona e Düsseldorf.

Durante un acto na Estrada, Alberto Núñez Feijóo, tivo tamén palabras de recoñecemento para o labor de todos os profesionais que están a traballar na recuperación dos corpos. “A todos eles, que durante as próximas horas e días terán moito traballo, un recoñecemento moi especial ao seu labor”, aseverou.

Logo de facer referencia ao tráxico accidente de Angrois, Feijóo afirmou que “Galicia e os galegos sentímonos moi solidarios co pobo francés pero, moi especialmente, coas familias dos españois que perderon a vida”.

Feijóo concluíu expresando o desexo de que as próximas novas aclaren cales foron as causas do accidente aéreo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia