Skip to main content

A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación da Semana Santa de Lugo

No acto que estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre; o delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, César Carnero; e o coordinador xeral da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta.

Para José Ramón Ónega, "como lucense que son, sempre é para min un motivo de orgullo acoller un acto como este. Todo o que sexa promover a nosa terra será sempre benvido nesta Casa".

Pola súa banda, Carmen Basadre anunciou esta mañá que se iniciou o traballo para solicitar que a Semana Santa de Lugo sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego e explicou que "esta celebración relixiosa ten moita tradición na cidade e son moitas as persoas que cada ano se achegan a Lugo para seguir as vistosas procesións". Basadre tamén aproveitou a presentación para invitar a todos os cidadáns a achegarse a coñecer Lugo nestas datas, xa que "ademais dos eventos relixiosos, as persoas que nos visiten poderán gozar dos numerosos atractivos que ofrece Lugo" e citou entre eles, o patrimonio monumental, os numerosos restos arqueolóxicos, o entorno natural do Río Miño, sen esquecer por suposto, a rica oferta gastronómica. Ademais, o Concello de Lugo ofrece unha variada programación de ocio entre o 28 de marzo e o 5 abril que inclúe numerosas actividades e visitas turísticas guiadas gratuítas para cantas persoas desexen coñecer a cidade.

Para César Carnero, delegado de Patrimonio Histórico-Artístico da diocese de Lugo, a Semana Santa de Lugo está intimamente ligada ao privilexio da Exposición permanente do Santo Sacramento no Altar Maior da catedral, "a tradición eucarística de Lugo, plásmase en que, dende o ano 1963, a procesión do Xoves Santo é a única en España en que a Sagrada Forma sae a procesionar polas rúas da cidade e no acto excepcional que se desenvolve na mañá de Pascua consistente no encontro entre Cristo Resucitado e a súa Nai".

Mentres, o coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta quixo recalcar que cada ano é máis numerosa a participación na Semana Santa lucense porque conta con "peculiaridades e privilexios excepcionais que a fan completamente diferente á doutros lugares de España e, polo tanto, merecedora de ser visitada".

Durante a presentación, proxectáronse preto dun centenar de magníficas imaxes de Lugo e a súa Semana Santa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia