Skip to main content

Satisfacción na Xunta polo fallo do Supremo que ratifica a legalidade do seu decreto sobre plurilingüismo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere expresar a súa satisfacción ao coñecer a sentenza do Tribunal Supremo pola que queda ratificada definitivamente a legalidade do Decreto do plurilingüismo. O fallo, dado a coñecer, desestima o recurso presentado en 2012 pola Real Academia Galega, e súmase á doutrina ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que foi avalando a legalidade da mencionada norma, ao pronunciarse en contra dos recursos formulados desde distintas instancias.

Sobre aspectos como a protección da lingua, na resolución do alto tribunal dise textualmente que “a atenta lectura do decreto recorrido non permite en modo ningún identificar en qué aspectos existe unha vulneración ou un descoñecemento da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias de 1992”. O mesmo documento é contundente tamén con respecto a outras eivas que se achacaban ao decreto, ao sentenzar que: “Coincidimos coa sala de instancias (TSXG) en canto a que a paridade horaria que o decreto establece ou a distribución de materias que contén non poden cualificarse como arbitrarias, ilóxicas ou contrarias ao Estatuto de Autonomía ou á lei Galega de Normalización Lingüística”.

O pronunciamento do Supremo non estima, polo tanto, o recurso contencioso administrativo da RAG no que se solicitaba que lle notificasen os procedementos normativos con incidencia no uso do galego, e que se considerasen preceptivos os informes que a devandita institución emitise a respecto deles. De feito, a sentenza non recoñece, en ata catro referencias, o carácter de órgano consultivo que a Academia reclamaba para si. Igualmente, o fallo desestima os motivos de casación alegados pola RAG diante do ditado pola Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, o 28 de novembro de 2012, sobre impugnación do decreto 70/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia