Skip to main content

O gastrónomo lucense Baldomero Cabadas presenta a súa Guía Práctica de Cociña Clásica

No acto interviñeron, ademais do autor, o tamén cociñeiro lucense Efrén Álvarez, que popularizou o programa de televisión "Máster Chef", o representante da editorial, Alejandro Herrero, e, en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, a coordinadora de actividades da Casa Ana Rodríguez, que presentou o acto e ao resto de membros da mesa.

Segundo o seu autor, a "Guía práctica de cociña clásica española", "probablemente sexa unha das guías da cociña española máis completa que existen". Explicou que contén unha descrición abreviada de setecentas receitas españolas, tradicionais e creativas, que foron estruturadas pensando en facilitar a consulta e na que se tivo a precaución de evitar que as receitas pasen dunha folla a outra, evitando así que se teña que manipular o libro cando se está a elaborar un prato. Tamén que a idea xurdiu como un libro de cociña que legar aos seus fillos e que traballando no proxecto se decatou de que podía interesar a máis xente.

Herrero destacou o celo de Cabadas na mellora das súas receitas ata o último momento e Álvarez a súa ampla traxectoria profesional, ademais de manter que para saber cociñar o primeiro é saber comer.

Cabadas ten tras si unha ampla traxectoria profesional en gastronomía que se iniciou nas cociñas de prestixiosos hoteis e restaurantes de Vigo e Lugo, continuou con outras en Santa Cruz (A Coruña), Santa Cruz de Tenerife, Porto da Cruz e Menorca para seguir polas de Lugo, Menorca, Ponferrada e de novo Lugo, onde creo o seu propio restaurante na estación de autobuses de Lugo, no que estivo vinte anos, para volver despois á dunha marisquería en Foz.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia