Skip to main content

A Academia Galega de Seguridade Pública presenta o primeiro manual preparatorio das oposicións a bombeiro

O secretario xeral expresou a súa satisfacción pola publicación en galego do primeiro manual de bombeiros de Galicia, pois “cómpre que a nosa lingua propia estea presente en todos aqueles ámbitos e actividades que se desenvolvan na sociedade galega do século XXI e, particularmente, que se asocie a proxectos pioneiros nun espazo tan importante coma o da Administración pública”. García destacou que o manual incide nos coñecementos das persoas que se ocupan da seguridade cidadá, quizais os profesionais da Administración que teñen un contacto máis directo e estreito cos administrados. “A súa formación en galego é fundamental para garantirmos o dereito das persoas da nosa comunidade a seren entendidas e atendidas en galego”.

Tres lustros de traballo

Por outra banda, o secretario resaltou o papel do manual ‘O bombeiro galego. Temario e cuestionarios’ na creación e difusión de léxico especializado de diferentes ámbitos que concorren na formación dos bombeiros. “O enriquecemento léxico da nosa lingua faina dinámica e apta para a sociedade actual e futura”, sinalou.

García gabou “o traballo inxente” do autor, Gerardo Fernández Costa, que dedicou “case tres lustros do seu tempo á elaboración e redacción desta obra necesaria, útil e magnificamente traballada”. Neste sentido, recoñeceu a importancia da implicación da cidadanía e da empresa privada –en referencia ao propio autor e á editorial que o publica - na promoción e no avance da lingua galega, ao tempo que comprometeu neles os esforzos do departamento de Política Lingüística.

No acto, que se celebrou na Academia Galega de Seguridade Pública, participaron tamén o director xeral desta entidade, Luis Menor; o rexedor estradense, José López Campos; o autor do manual, Gerardo Fernández; e unha representante de Andavira Editora, Lucila Ventoso.

Material preparatorio das oposicións

‘O bombeiro galego. Temario e cuestionarios’ edítao Andavira Editora, en dous volumes, da man de Gerardo Fernández Costa. Trátase do primeiro manual preparatorio para as probas teóricas das oposicións a bombeiro avalado pola Xunta de Galicia que desenvolve os temas teóricos recollidos nas últimas bases das oposicións das cidades galegas que contan con servizos públicos de extinción de incendios: Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Lugo e A Coruña.

‘O bombeiro galego. Temario e cuestionarios’ 1 e 2 están pensados como materiais preparatorios para aquelas persoas que desexen formar parte dos servizos de extinción de incendios en Galicia. No primeiro dos volumes recóllense temas de lexislación e temas específicos (Natureza do lume; A auga; Extintores; Axentes extintores; Pezas de protección; Equipos de protección respiratoria; Mercadorías perigosas; Sinalización do ADR e Incendios urbanos).

O segundo volume, pola súa banda, céntrase exclusivamente no temario específico (Incendios industriais; Incendios forestais; Equipos de detección e medición; Material de rescate e evacuación; Vehículos contraincendios; Elementos estruturais dun edificio; Definición e clases de electricidade; Primeiros auxilios; Construción e incendios; Apeos e apontoamentos; Explosións. Detonacións e deflagracións; Salvamento en ascensores e Protección civil).
Secretaría Xeral de Política Lingüística