Skip to main content

O Congreso Internacional Mabic sitúa a Galicia como núcleo da investigación en almacenamento enerxético

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou, na inauguración do Primeiro Congreso Internacional de Baterías Metal-Aire, a importancia da celebración deste encontro na Coruña, xa que permite situar a Galicia como “núcleo de referencia da investigación” en almacenamento enerxético.

Durante a súa intervención no Muncyt, Conde abordou a importancia do almacenamento de enerxía no futuro da industria galega ao permitir fomentar novos modelos máis tecnolóxicos e eficientes. Neste sentido, o conselleiro destacou as posibilidades que ofrecen as novas baterías metal-aire. “Máis eficientes e económicas, cunha maior autonomía, dimensións más reducidas e un comportamento ambiental máis sostible, ditas baterías teñen a chave do futuro inmediato para o almacenamento de enerxía”, incidiu Conde.

Así, o titular de Economía e Industria resaltou o papel destas baterías no impulso das redes eléctricas intelixentes e no fomento do vehículo eléctrico, “retos tecnolóxicos” que Galicia está a atender no marco da Estratexia de Especialización Intelixente.

A integración destas redes no tecido industrial, explicou Conde, permite actuar sobre a xeración e o consumo de electricidade, promover as fontes renovables e manexar de modo intelixente a demanda de enerxía. “Elementos que ofrecen enormes vantaxes, e cuxa aplicación á industria pode supoñer un importante salto cualitativo”, subliñou o conselleiro.

Por este motivo, sinalou Conde, o Goberno galego traballa na Axenda de Competitividade Industrial, Galicia – Industria 4.0, “coa que buscamos definir noso futuro industrial a través da fábrica intelixente”, na que estas redes de enerxía ofrecerán grandes posibilidades de mellora competitiva ao adecuar a demanda de enerxía e o emprego de fontes renovables.

“Pero se hai unha industria na que as baterías metal-aire están chamadas a xogar un papel decisivo, esa é a automoción”, afondou o conselleiro, quen destacou que a mobilidade sostible supón unha clara aposta pola competitividade do sector automobilístico na procura de fabricar vehículos ecolóxicos, seguros e eficientes. “Por este motivo, a posibilidade de contar con baterías capaces de xerar una autonomía de 750 quilómetros representa unha gran ocasión”, explicou.

Emprendemento innovador

O conselleiro de Economía e Industria destacou tamén a oportunidade que supón Mabic para o impulso do emprendemento innovador. Neste sentido, sinalou que que o Congreso ofrecerá a oportunidade de presentar os seus proxectos a distintos grupos de investigación das facultades galegas.

Este traballo, resaltou Conde, complementarase cun business corner que incentivará a relación destes investigadores e tecnólogos con inversores privados, “potenciando deste modo a aposta de Galicia pola innovación e o emprendemento”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia