Skip to main content

Comunicado do Partido Galeguista

Diante desta situación o pobo galego sinte a impotencia de ver como os partidos que deberían traballar institucionalmente xuntos pra resolverlle os problemas, que é pra o que os elixen, dedícanse de xeito case permanente a buscar elementos de discordia, cando non de confrontación.
O Partido Galeguista ten anunciado no seu VIII Congreso (de refundación), a súa vontade de traballar a prol dun cambio de talantes que poida levar ó establecemento dun clima de maior entendemento entre as forzas políticas galegas e, consecuentemente co anterior, demos o primeiro paso dunha andaina cara a unha relación constructiva e positiva coas forzas parlamentarias galegas e coas demais forzas sociais.
Dentro deste contexto, o Secretario Xeral do Partido Galeguista, don Manoel Soto Ferreiro, ven de entrevistarse co Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, don Manuel Fraga Iribarne. Primeiro de todo pra presentarlle no nome do P.G. os seus respectos como Presidente de Galicia, e tamén pra comezar unha relación na que ofrecemos que prime sempre o diálogo e ademais, cando sexa posíbel, que os diálogos deriven en acordos.
Como a entrevista desenvolveuse nun clima francamente cordial, esperamos termos sentado as primeiras bases sobre as que edificar políticas dun bo grao de entendemento co Sr. Presidente da Xunta, cousa importante cara ós nosos obxectivos de servir a Galicia do mellor xeito posíbel.

Miguel Rodríguez Aneiros (Secretario de Comunicación do Partido Galeguista)