Skip to main content

A Feira do Libro de Ferrol celebra a 26ª edición do 22 ao 26 de abril, e o 10 de maio arranca Festiletras 2015

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis coa Fundación Eduardo Pondal na celebración das Festiletras. Así o anunciou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa na que se deu a coñecer o programa completo deste evento, que chega á súa trixésimo terceira edición “cun ambicioso cartel que emprazará en Ponteceso, do 10 ao 17 de maio, todos os públicos para achegarlles unha boa mostra dos proxectos musicais, escénicos e literarios da cultura galega máis actual”. No acto de presentación participou tamén o presidente do padroado da Fundación Eduardo Pondal e alcalde de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar.

O programa das “Festiletras 2015” arranca o domingo 10 de maio cunha ofrenda floral e pregón a cargo de Víctor Freixanes, nun acto que contará tamén coa participación de Uxía Blanco e coa interpretación musical de Roi Casal, amais da do Coro infantil do CPI Eduardo Pondal e Silvia Losada. Ese mesmo día, pola tarde, Os Quinquilláns representarán na sede da Fundación Eduardo Pondal a súa xa famosa adaptación do “Espantallo amigo” de Neira Vilas, en dous pases que contarán coa participación do escritor e académico da lingua crucense e mais cun obradoiro a cargo de Xosé Vizoso, ilustrador do libro. A xornada pecharana a formación Pandeiromus e unha degustación gastronómica na Taberna Agra de Mares.

O luns 11 de maio abrirá a xornada a primeira das cinco sesións do Roteiro pondaliano que Xabier Couto desenvolverá ata o venres 15 polas mañás, á que seguirá a representación “O carballo con botas”, que acollerá a biblioteca municipal. A partir das 17:00 horas, de novo a sede da Fundación acollerá “O Bichero” de Luís Davila e, a continuación, as regueifas de Pinto de Herbón e do Caruncho.

O martes 12 a biblioteca municipal acollerá, en sesión de mañá, “Pan de millo”, de Migallas Teatro e, xa de tarde, “Historias de vida, guerra, amor e case morte”, a cargo de Daboapipa. Pulpiño Viascón será o encargado de pechar esta terceira xornada.

O mércores 13 a sesión da biblioteca correrá a cargo de Manuel Rivas e César Frieiría, con “O raposo e a mestra” e a sede da Fundación acollerá a máster class “Café de pota”, de Óscar de Toro. Pecharán a cuarta xornada Víctor do Pecho e Suso do Becho; mentres que o xoves 14 Yolanda Castaño ofrecerá un obradoiro de poesía e os gaiteiros do Centro Coreográfico interpretarán “Non des a esquecemento”, todo na biblioteca municipal. O serán do xoves terá como protagonistas a Xurxo Souto e Pazos de Merexo.

O venres as “Festiletras” encetan a fin de semana coa peza “As aventuras de Mariña e Lucas”, de Iago e Sabela Fernández, e mais cunha cata comentada dos queixos de Galicia con D.O.P., seguidas dunha degustación gastronómica na Taberna Agra de Mares amenizada por Farrapos do Fol e mais a coral Oliveira de Monte Branco. Pechará a xornada co “Frankenstein” de Badius na Casa dos Veciños do Couto.

A xornada do sábado comezará co Encontro de Aldeas Singulares da Costa da Morte, que celebra nestas Festiletras a súa segunda edición achegando grandes experiencias de lugares pequenos. Xa pola tarde, no Pazo de Sergude, os asistentes poderán escoitar o coñecido presentador gastronómico Benigno Campos, unha actividade que abrirá boca para as da noite: o “Obradoiro de treboada” de Oli Xiráldez, na Casa dos Veciños, e o concerto “Noite de Letras”, cos músicos Amancio Prada e Guadi Galego, na carpa da Fundación Eduardo Pondal.

O día de peche do Festiletras e tamén Día das Letras Galegas, o domingo 17, será o que ofreza un número maior de actividades: un roteiro ornitolóxico guiado por Xosé Luís Rabuñal e Ana García; unha feira de artesanía; a entrega do II Premio de Poesía Infantil Eduardo Pondal (que contará coa presenza de Siro López Lorenzo); o concerto “A cantar con María Fumaça”, de Uxía; unha sesión vermú da man de Ce Pantasma, Carapaus e Cantareiras de Ardebullo e, xa pola tarde, un obradoiro de artesanía de María José Martínez; a danza tradicional de Inllar; a música de taberna da Oliveira e o concerto de Saramúas, que pechará este amplísimo programa. Durante toda a xornada haberá saídas do tren literario “Volvendo de lonxes terras”.

Feira do Libro de Ferrol

A Feira foi presentada en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey; pola presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; pola concelleira de Cultura de Ferrol, Susana Martínez; e polo presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrol, Antonio Martínez.

Ademais das novidades editoriais nos postos das librerías que participan no evento, Anxo Lorenzo destacou na presentación as diversas actividades dirixidas a todos os públicos que ofrecerá a feira de Ferrol para lle achegar á cidadanía o libro e a lectura, entre as que se inclúen presentacións e sinatura de libros, contacontos, obradoiros, actuacións musicais e diversas propostas arredor do xadrez. Tamén recordou o secretario xeral o especial interese da feira de Ferrol ao coincidir coa celebración do Día Internacional do Libro, o 23 de abril.

Presentación e sinatura de libros

Logo da inauguración, o 22 de abril, que contará co pregón do escritor Xavier Puente Docampo e coa actuación do Real Coro de Toxos e Froles, a feira abrirá a súa programación o xoves 23 cunha actividade de animación lectora a cargo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e cun contacontos de Miguel Ánxel Alonso, de Nova Galicia Edicións. Ademais da actuación do Conservatorio de Música Xan Viaño de Ferrol, ese mesmo día tamén se presentará o libro ‘Quimera’, de Teresa Cameselle.

O escritor e xornalista Xurxo Souto estará na feira o venres 24 de abril para presentar ‘Océano para terrícolas’, un espectáculo baseado no seu libro ‘Contos do mar de Irlanda’ (Edicións Xerais), gañador do Libro do Ano nos XXIV Premios Irmandade do Libro. A programación para ese día completarana as escritoras Pilar Barreiro e Fusa Guillén, coa sinatura de exemplares das súas obras, Xesús Constela, que presentará o seu libro ‘Apoteose das perchas’, e o contacontos ‘Os contos de Pablísimo’.

Obradoiros, contacontos e xadrez

Xa na fin de semana, o sábado 25 e o domingo 26 de abril, a feira contará coa participación dos escritores Juan Pablo Rodríguez, Pablo Núñez, Paula Merlán, Concha Blanco, Sonia Mirón, Nieves Abarca, José Luis Casteleiro, Miguel García Seoane, Antón Cortizas e Henrique Costas. Ademais do contacontos ‘Exploradoras’, de Trécola Teatro, e dos obradoiros de cociña e elaboración de gominolas, a feira tamén contará con diversas propostas arredor do xadrez, con exhibición de partidas simultáneas e a II Mostra popular de xadrez, que contará coa participación do alumnado dos 21 centros de educación infantil e ensino primario de Ferrol.

Próximos eventos

Baixo o lema ‘A historia en letras’, en homenaxe ao escritor, historiador e profesor Xosé Filgueira Valverde –ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio–, as Feiras do Libro de Galicia iniciaron o pasado 14 de abril en Pontevedra a edición de 2015, que percorrerá un total de 12 concellos das catro provincias galegas.

Na cidade do Lérez, a feira pechará as súas portas o domingo 19 de abril, cunha programación para a fin de semana que contará coa participación de escritores como Mariano Fisac, Pablo Núñez e Sonia Mirón, ademais contacontos para os máis novos, un recital poético-narrativo con Teresa Cameselle, Lydia Leyte, María Lado e Mariña Pérez Rei, e mais a proxección do documental ‘Contextualizando a Filgueira Valverde’, de Gonzalo Veloso.

Logo de Pontevedra e Ferrol, o 1 de maio será a quenda da capital de Galicia, onde permanecerán ata o día 10 dese mes. Tamén no mes das letras, do 12 ao 17, as feiras chegarán ata Lugo, para, a continuación, viaxar a Ourense do 2 ao 7 de xuño. Xa no verán, a primeira cita será en Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. No mes de agosto regresará a feira do libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia