Skip to main content

Amtega e CPEIG debaten sobre os novos perfís profesionais dixitais

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebran un ciclo de xornadas sobre novos perfís dixitais e ofrecerán formación especializada en TIC para empregados públicos, docentes e familias. Son as catro liñas de colaboración recollidas no convenio asinado recentemente pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. A Amtega achegará ao CPEIG 65.000 euros para o desenvolvemento das accións previstas

Novos Perfís profesionais dixitais

Difundir e coñecer novos perfís profesionais dixitais como o de deseñador e programador dixitais, professional blogger, desenvolvedor de apps, especialista en contidos ou análise de datos, técnicos de e-commerce ou experto en marketing online, entre outros, é o obxectivo dun ciclo de xornadas que organizarán ambas entidades ao longo do ano.

Nestas actividades participarán enxeñeiros informáticos que actualmente están desenvolvendo a súa actividade profesional nestes ámbitos e, ao remate do ciclo, as súas relatorios serán recollidas nunha publicación.

Guía para familias

O acordo establece tamén a elaboración dunha guía sinxela e accesible para orientar a pais, nais e profesionais do eido educativo no uso de internet por parte dos nenos. Adicionalmente, convocaranse sesións formativas sobre estes aspectos nas sete grandes cidades galegas e celebrarase a “Semana dos menores e as novas tecnoloxías”.

Formación a docentes e empregados públicos

Que os docentes adquiran as competencias dixitais precisas para a integración das TIC nas aulas é o obxectivo de varias xornadas formativas para profesores que o CPEIG celebrará ao longo deste ano. Esta formación, dentro da estratexia tecnolóxica do ámbito educativo marcada no Proxecto Abalar, incidirá na formación en ferramentas de software libre. As actividades formativas celebraranse preferentemente nas aulas da Rede CeMIT.

Os profesionais da área de informática da Administración autonómica son outro dos colectivos aos que se dirixen as actuacións do convenio asinado hoxe. O Colexio impartirá oito cursos, eminentemente prácticos, nos que se ofrecerá unha visión xeral das políticas dixitais europeas facendo fincapé en aspectos chave da administración electrónica, combinando información presencial e online sobre metodoloxías e técnicas para aportar valor ao seu traballo diario.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia