Skip to main content

Arranca a campaña 1 mes, unha profesión dixital cunha xornada centrada no marketing

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, inauguraron a xornada de presentación da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital, “1 mes, profesión dixital”.

Na primeira das sesións, que leva por título, “Faite profesional do marketing dixital”, http://profesionsdixitais.org/#programa, participan arredor de cen de persoas na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Trátase do arranque dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais, que se desenvolve ata outubro, e que ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego.

As charlas darán a coñecer novos perfís profesionais dixitais como o de deseñador e programador dixitais, professional blogger, desenvolvedor de apps, especialista en contidos ou análise de datos, técnicos de e-commerce ou experto en marketing online, entre outros. Ademais, tamén se abordarán os cambios que están a afrontar profesionais doutros sectores (xornalistas, arquitectos...) para adaptarse ao novo contexto dixital.

Toda a información sobre as xornadas se irá incorporando na web http://profesionsdixitais.org e ao remate da campaña, recompilaranse as experiencias prácticas dos encontros na publicación “1 mes, profesión dixital”.

Especialización TIC e autonomía dixital

A directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que a evolución tecnlóxica xerou a demanda de habilidades e competencias dixitais en todos os sectores e, respecto ao caso concreto dos profesionais TIC, apuntou que o mercado demanda unha especialización cada vez maior á que non se está a dar resposta. Por iso, destacou a importancia tanto de fomentar vocacións tecnolóxicas como de ofrecer á cidadanía ferramentas para a capacitación dixital.

Neste sentido, Mar Pereira, avanzou que a nova Axenda Dixital de Galicia 2020 contempla medidas orientadas a incrementar a capacidade produtiva das empresas a través de profesionais TIC que respondan ás necesidades tecnolóxicas actuais e futuras; e a consolidación dun hipersector TIC competitivo e innovador, que impulse a xeración de emprego cualificado.

Ademais, a nova estratexia TIC do Goberno galego conta cunha liña específica para contribuír á autonomía dixital da sociedade e evitar a denominada “segunda fenda dixital, posibilitando que calquera persoa acceda maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

As TIC, xacemento de emprego

Segundo destacou o presidente do CPEIG na súa intervención, o Estudo nacional sobre a situación laboral dos profesionais do sector das tecnoloxías da información, promovido polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Informática pon de manifesto que os profesionais TIC españois están en niveis de pleno emprego, cunha inserción laboral do 94% dos titulados e profesionais enquisados.

Para o presidente do CPEIG, estes datos poñen de manifesto o “claro xacemento de emprego que supoñen as profesións TIC en todos os seus niveis de cualificación” na liña das previsións da Comisión Europea, e “a grande oportunidade de emprego que supón para a mocidade”.

Na súa intervención, o máximo representante das enxeñeiras e enxeñeiros en Informática galegos alertou sobre a “masculinización do sector TIC”, con apenas un 17% de mulleres, porcentaxe que cadra coas cifras de estudantes nas titulacións universitarias tecnolóxicas no noso país e afirmou que a sociedade “non pode permitirse o luxo de perder tanto talento”.

Máis liñas de colaboración

A campaña “1mes 1 profesión dixital” presentada é froito do acordo de colaboración asinado entre o CPEIG e a Amtega. O devandito acordo plasmarase asemade en distintas iniciativas de formación especializada en TIC para empregados públicos, docentes e familias.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia