Skip to main content

A conselleira de Sanidade cualifica de “derroche” manter abertas todas as camas hospitalarias no verán

A conselleira de Sanidade Rocío Mosquera ratificou o seu papel de “colaboradora imprescindíbel” na liquidación do público. Fíxoo ao cualificar de “derroche” a apertura de camas hospitalarias no verán pola que preguntaba, en interpelación, a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla. “Vostede só é unha pantalla, a colaboradora imprescindíbel para a liquidación da sanidade pública”, espetou Solla a Mosquera.

As cifras non enganan. 2000 traballadores menos e un orzamento, o do Sergas, en que o 50% vai a empresas privadas. No verán de 2014, a consellaría pechou 1.095 camas. A lista de espera en cirurxía non respecta o máximo de 60 días aos que o propio Goberno de Feijóo as limitou cunha lei aprobada en solitario. “Vostedes son os liquidadores da sanidade pública. Viñeron para levar todo o que é rendíbel na sanidade”, engadiu Eva Solla, quen lembrou que o acabado de nomear director xeral do Sergas, ramón Ares, fai parte dun coñecido lobby de defensa da sanidade privada (Sedisa).

A resposta da conselleira de Sanidade á situación obxectiva descrita pola deputada de AGE foi unha defensa das políticas de destrución do público que ela mesmo encabeza. Mesmo chegou a cualificar de “derroche” a apertura de todas as camas hospitalarias no verán. “É un ‘derroche’, señora Mosquera?”, inquiriu Solla, “non é un ‘derroche’, é un dereito. A sanidade é un dereito, e non unha empresa privada. Se quere estar na empresa privada, marche, que sitio non lle ha faltar”. “Se, como di vostede, sobran camas, ¿por que hai colpasos? Por que se trasladan pacientes á privada?”, concluíu.
Gabinete de Comunicación AGE