Skip to main content

Educación reforza a información aos centros para o desenvolvemento da proba de 3º de Primaria

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concluíu unha xornada informativa co corpo de inspectores educativos de Galicia de xeito que actúen como vía de comunicación cos centros para a aplicación da proba de avaliación individualizada de 3º de Primaria. Xa que logo, os inspectores son os encargados de ofrecer todo o apoio que precisen os centros docentes, así como a canle que teñen os directores e profesores para resolver calquera dúbida na execución desta proba, que terá lugar os días 27 e 28 deste mes.

A maiores, a Consellería venlle de remitir a todos os centros unhas instrucións co fin de que dispoñan de toda a información posible para a posta en marcha desta proba. Nestas instrucións explícaselle aos equipos docentes o modo de acceso e de funcionamento da plataforma informática ‘avaldia’, xa operativa. Será desde esta plataforma desde onde deberán descargar o manual de aplicación da proba, o manual de corrección dos cadernos, os arquivos de audio que forman parte da avaliación da competencia en comunicación lingüística, e os cuestionarios que teñen que cubrir os centros e o profesorado titor, entre outros. Deste modo, a Consellería reforza o proceso de información aos centros sobre a proba que xa viña prestando desde hai meses, tanto a través da inspección educativa como da Xunta Autonómica de Directores.

Non obstante, cómpre salientar que os centros educativos están habituados á organización deste tipo probas, xa que a avaliación individualizada de 3º de Primaria que organiza a Consellería de Cultura e Educación dentro do marco da LOMCE sigue a mesma dinámica que a avaliación de diagnóstico de 4º de Primaria (que esixía a LOE) que se viña realizando nos últimos cinco anos.

A principal novidade con respecto a de 4º de Primaria é que, agora, as familias van recibir un informe personalizado sobre o seu fillo/a, do que antes non dispoñían. E, dicir, que o alumno é o principal beneficiado desta proba xa que, en función dos resultados, os centros deberán implementar plans específicos para a mellora da aprendizaxe naquelas áreas nas que se detecten eivas que sexa necesario corrixir.

Por tanto, a proba de 3º de Primaria está configurada como unha ferramenta metodolóxica complementaria dentro da avaliación continua do alumno, un elemento máis de reforzo educativo, tanto a nivel de centros como a nivel individual. Ademais, os resultados das probas -de carácter estritamente privado- non terán efectos no expediente académico e non se van establecer ránkings por centros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia