Skip to main content

Tui e Valença terán interconectados os seus rexistros municipais nunha iniciativa pioneira a nivel mundial

O protocolo foi asinado polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez; o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes; o director xeral de Administracións Públicas da Xunta, José Alberto Pazos Couñago, e a representante da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, CCDR_N, María Giraldes.

A interconexión dos arquivos municipais levarase a cabo dentro do proxecto ARPAD cuxo obxectivo é a conservación do Patrimonio documental e a eliminación do papel nas relacións administrativas, figurando entre as súas actividades a posta en marcha do Sistema de Arquivo Dixital integrado, con criterios de interoperabilidade, tamén a nivel transfronteirizo, e integración de procedementos.

Moisés Rodríguez, alcalde de Tui, apuntou que esta iniciativa supón un paso máis na cooperación transfronteiriza, e que ámbolos municipios se converten nun referente en toda Europa. Explicou asemade que o obxectivo básico pasa por favorecer a calidade de vida dos eurocidadáns.

Jorge Salgueiro, presidente da Cámara de Valença, quixo resaltar que a Eurocidade traballa a prol dos dous municipios engadindo que é unha medida clave ligar os servizos públicos.

Alberto Pazos Couñago, director xeral de Administracións Públicas da Xunta, salientou a enorme relevancia, desta iniciativa pioneira a nivel mundial, xa que é a primeira vez que dous municipios de dous países operarán cun único rexistro. Deste xeito, en verbas de Alberto Pazos, os cidadáns evitarán desprazarse dun concello ao outro para facer unha xestión.

María Giraldes, representante da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, CCDR_N, quixo explicar que o labor da Comisión é aproximar ámbalas rexións para reforzar a cooperación. Felicitou polo seu traballo aos concellos de Tui e Valença, xa que esta iniciativa crea respostas que benefician aos seus cidadáns.

A xestión compartida deste servizo facilitará o acceso aos cidadáns da Eurorrexión a determinadas entradas ou rexistros como o acceso a instalacións de propiedade municipal, inscricións en cursos ou licencias de actividades en terreos de uso público e poderán presentarse indistintamente en ámbolos concellos. No de Tui poderase efectuar en horario de 9h a 14h e en Valença do Minho de 10h a 17h, horario español.

Esta aposta enmárcase nunha estratexia común que pasa polo uso intensivo das novas tecnoloxías como instrumento de dinamización social e económica. Por outra banda tamén persegue incrementar a cooperación transfronteiriza entre as dúas cidades a través do desenvolvemento e consolidación da administración electrónica, a colaboración interadministrativa, a interoperabilidade tecnolóxica, así como a transferencia de tecnoloxía e coñecemento.

Gabinete de Prensa do Concello de Tui