Skip to main content

O BNG vota en contra do plan de cobertura da CRTVG para as eleccións municipais

O BNG votou en contra do plan de cobertura informativa aprobado onte polo Consello de administración da CRTVG que, a xuízo da formación nacionalista, forma parte da escandalosa estratexia de manipulación que a dirección do ente público impón nos seus espazos informativos claramente progobernamentais e ao servizo do PP, vulnerando os principios de obxectividade, imparcialidade e neutralidade informativa que deberían rexer na CRTVG, a pesar dos esforzos da maior parte d@s profesionais dos medios públicos.

O plan de cobertura aprobado só beneficia ao PP, nunha estratexia que reforza o coase monopolio informativo deste partido no reparto de tempos nos informativos públicos, cunha asfixiante presenza de cargos políticos ou institucionais do PP.

Dentro do plan de cobertura, o Bloque critica o empeño da dirección do ente público en minimizar a relevancia e a repercusión dos debates electorais ao trasladar a súa emisión á segunda canle da cadea (TVG2) ás 22:50, cun nivel de audiencia residual e irrelevante desde o punto de vista cuantitativo. A duración prevista de debate é de unha hora, entre candidatos e candidatas das sete grandes cidades do país.

A modo de exemplo, a cota de audiencia media da TVG2 nesa franxa horaria na data de onte 5/maio/2015 foi do 0,1%, apenas 2.000 espectadores e espectadoras. Por contra, a cota de audiencia media da primeira canle da TVG nesa mesma franxa horaria no día de onte foi do 5,7%, con 73.000 espectadores e espectadoras.

En termos xerais, a TVG2 na franxa horaria prevista para os debates electorais ten unha cota de audiencia media do 0,4%, -6.000 espectadores e espectadoras,-. A primeira canle, por contra, ten unha audiencia media superior aos 100.000 espectadores e espectadoras.

Minimizar a difusión dos debates electorais é unha nova evidencia, que ten como obxectivo evitar que outras forzas políticas fagan chegar as súas propostas a través da televisión pública ao maior número posible de galegos e galegas, optando por emitir os debates nunha canle que apenas ten audiencia.

Igualmente, o BNG defende a participación nos debates de representantes de todas as candidaturas que se presentan en cada un dos concellos e lamenta que non sexa esta a decisión que se manteña desde unha CRTVG que se sufraga cos cartos de todos os galegos e galegas.
Gabinete de Comunicación do BNG