Skip to main content

Promóvense proxectos de cooperativismo cultural, social e creativo en Zinc Shower 2015

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o Consello Galego de Cooperativas, vai estar presente unha edición máis no Meeting Show da Economía Creativa e Colaborativa, ZINC SHOWER 2015, que se celebra no Centro de Creación Contemporánea Matadero, en Madrid.

O Consello Galego de Cooperativas aproveita a súa presenza na feira para promover, apoiar e reforzar a acción cultural e os proxectos de empresas do ámbito cultural, social e creativo, ofrecéndolles unha oportunidade para amosar todo o seu potencial e propiciando novas oportunidades de comercialización e colaboracións empresariais.

Zinc Shower é neste momento unha das feiras das industrias culturais e creativas máis innovadora do panorama estatal, unha cita de referencia na que, a través do Consello Galego de Cooperativas, estarán presentes as cooperativas Rexenerando, Inprega, 7h cooperativa cultural, Xeneme proxectos sociais, Dezdedez e o Cable Inglés. Os participantes na feira presentarán proxectos que teñen como punto de partida unha idea empresarial baseada na economía social. O sector da cultura como o da economía social teñen varios puntos en común. Ambos usan como base do seu funcionamento o fomento da creatividade das persoas, a continua comunicación que realizan co seu contexto social á hora de desenvolver as súas actividades e propostas, a aposta por modelos de organización cada vez máis horizontais, e o compromiso ético coa realidade social e a comunidade onde se inscriben.

As cooperativas e sociedades laborais participantes, xunto co Consello Galego de Cooperativas, presentarán en Zinc Shower un programa completo de actividades que inclúe, entre outros, obradoiros, un espectáculo músico-teatral e a presentación dos proxectos de cada empresa.

O stand do Consello Galego de Cooperativas permanecerá aberto mañá e o sábado no Centro de Creación Contemporánea Matadero (Praza de Legazpi, 8 - Madrid), en horario de 11,00 a 20,00 horas. Este ano a feira contará con máis de 200 relatores nacionais e internacionais, 7.000 profesionais, 45 investidores, 85 startups e máis de 120 actividades relacionadas co emprendemento, a tecnoloxía, as tendencias, a creatividade, a innovación, a economía colaborativa e o crowfunding.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia