Skip to main content

Catro películas con produción galega conviven nas carteleiras comerciais

‘As altas presións’, que realiza súa preestrea na sala Numax de Santiago de Compostela nos cines Zoco de Majadahonda (Madrid), é unha longametraxe con dirección e guión de Ángel Santos que se presenta como unha viaxe arredor do desarraigo, o cine e o amor. Interpretada por Andrés Gertrúdix, Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco, Marta Pazos, Hugo Torres, Xabier Deive, Fernando Epelde, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Borja Fernández, Pablo Piñeiro, Bea Campos e Unicornibot, a fita obtivo o premio do xurado ‘Las nuevas olas’ á mellor película no Festival de Sevilla.

A adaptación cinematográfica da novela de Blanco Amor ‘A Esmorga’, con dirección de Ignacio Vilar e con Antonio Durán “Morris”, Miguel de Lira e Karra Elejalde no elenco protagonista, inicia tamén mañá o seu percorrido por diferentes cinemas de Cataluña, Euskadi, Madrid e Navarra, aos que chegará tanto na súa versión dobrada como na orixinal subtitulada. Este traballo, gañador de seis Premios Mestre Mateo 2015, comezará así a súa viaxe fóra de Galicia, onde xa superou os 60.000 espectadores e chegou ás 15 semanas en carteleira. ‘A Esmorga’ foi tamén o primeiro filme rodado en galego que conseguiu situarse entre os finalistas aos Premios Goya, aos que optou na categoría de mellor guión adaptado. Trátase dunha crónica tensa e intensa sobre as vinte e catro horas de esmorga que Cibrán ‘o Castizo’, Milhomes e o Bocas comparten na localidade de Auria, trasunto literario de Ourense.

Tamén animación

O público familiar terá, así mesmo, unha nova proposta desde as salas de cine con ‘Maimiño e o espello máxico’ (‘Meñique’ para o circuíto español), primeira longametraxe de animación galego-cubana, producida pola empresa galega Ficción e o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC). A fita, distinguida como mellor longametraxe de animación na pasada edición dos Premios Mestre Mateo, leva á pantalla grande unha versión libre do conto ‘Polgariño’ baixo a dirección do cubano Ernesto Padrón e co galego Bruno López como director convidado. Con banda sonora orixinal de Silvio Rodríguez e música de Manuel Riveiro, ‘Maimiño’ conta con Xoán Curiel na interpretación das cancións en galego. As voces dos personaxes principais corresponden a destacados nomes do panorama audiovisual galego e español: María Castro, Javier Rey, María Pujalte, Carlos Blanco, Tucho González, Luis Iglesia, Monti Castiñeiras e Antonio Mourelos, entre outros.

A estes tres filmes anteriores, realizados co cofinanciamento da Xunta de Galicia a través das axudas á produción e coprodución audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, súmase no seu encontro co público a película ‘A cambio de nada’, a grande triunfadora do pasado festival de Cine Español de Málaga, coproducida pola galega Zircozine xunto a La Competencia e El Niño Producciones. Trátase da opera prima de Daniel Guzmán, un proxecto autobiográfico que o director comezou a trazar hai dez anos e que se materializou coas interpretacións dos novos actores Miguel Herrán e Antonio Bachiller nos papeis protagonistas, arroupados por figuras como Luis Tosar, Luis Zahera, Felipe García Vélez e María Miguel.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia