Skip to main content

Galicia acolle a reunión constitutiva da comisión de seguemento do programa Interreg España-Portugal 2014-2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á clausura da reunión do Comité de Seguimento do Programa INTERREG V A España - Portugal (POCTEP) 2014-2020, que é o órgano encargado de asegurar a eficacia e a calidade da execución do dito Programa, e que aproba as convocatorias e establece os criterios de selección dos proxectos.

Este Comité de Seguimento está presidido polos representantes da Dirección General de Fondos Comunitarios do Ministerio de Hacienda (España) e a Agência para o Desenvolvimento e a Coesão (Portugal), e forman parte del os membros dos Comités Territoriais, representantes do sector do medio ambiente e ordenación, dos municipios, dos axentes económicos e sociais, estando presentes a titulo consultivo as Autoridades de Xestión e Certificación e a Comisión Europea.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresou a súa satisfacción porque a capital de Galicia fose a escollida para celebrar a reunión de fundación do Comité de Seguimento do programa INTERREG V. A España - Portugal (POCTEP: Programa Operativo de Cooperación Territorial España-Portugal). Para o goberno galego os fondos dedicados á cooperación territorial axudan a tecer unha estrutura de cooperación transfronteiriza con Portugal, que é un dos obxectivos da acción exterior da nosa Comunidade. Neste senso, coa creación da AECT promóvense proxectos conxuntos de ambas rexións, e coa consolidación dunha macrorrexión con Castela e León, Asturias e as rexións do Norte e Centro de Portugal amplíanse aínda máis este obxectivo.

Nos últimos anos houbo avances no estreitamento das relacións transfronteirizas en moitos campos: no municipal, na formación, universidade, medio ambiente, saneamento, a lingua ou a mobilidade dos traballadores, entres outros. Ademais, tamén se puido conseguir un alto nivel de execución de proxectos aprobados nas anteriores convocatorias do POCTEP coma os proxectos Raia, Cloudpyme e o Ariem 112. Precisamente, esta mañá os membros do Comité de Seguimento do programa europeo o visitaron na sede do CAE 112 Galicia este último proxecto, como exemplo das boas prácticas e os logros do INTERREG.

Para este vindeiro período, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal elaborou o Plan de investimentos conxuntos, PIC, que será a base da política de cooperación no ámbito da cooperación transfronteiriza na nosa Eurorrexión e que foi un dos documentos que se tiveron en conta na elaboración deste programa INTERREG. Ademais, grazas a estratexia para a especialización intelixente (RIS3), que será complementado por un RIS3 transfronteirizo para a Eurorrexión, apoiarase a innovación de maneira máis eficaz.

Os fondos do Programa INTERREG contribúen a construír un espazo común, cunha maior integración, mais servizos compartidos e un desenvolvemento conxunto do coñecemento, da nosa innovación e da nosa economía. Ademais de servir para mellorar a integración e as fronteiras artificiais entre os países dean lugar á unión real das nosas sociedades. Cabe resaltar que a Unión Europea aumentou nese período a porcentaxe de fondos dedicados a cooperación rexional

INTERREG

O Programa INTERREG V A España - Portugal (POCTEP) 2014-2020 é a consecuencia directa da favorable experiencia que desde 1989 ten suposto a cooperación na raia fronteiriza entre ambos países que permitiu e que pretende continuar avanzando na mellora da calidade de vida dos habitantes do Espazo de Cooperación.

O financiamento comunitario da cooperación transfronteiriza serviu para fomentar o intercambio de experiencias e o coñecemento mutuo dos actores da fronteira; consolidar as estruturas de cooperación existentes e realizar proxectos estratéxicos que garantan a visibilidade da cooperación e da Eurorrexión.

A axuda FEDER programada para toda a fronteira hispano-lusa durante o período de programación 2014-2020 ascende a un total de 288 millóns de euros, o que supón un 8 por cento de incremento da axuda con respecto ao anterior período.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia