Skip to main content

As artes escénicas, punteiras do intercambio cultural entre Galicia e Portugal en opinión de Agadic

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou as artes escénicas como un ámbito punteiro no intercambio cultural entre Galicia e Portugal e apostou por seguir impulsando as relacións transfronteirizas para a creación de proxectos comúns.

Así o asegurou na xornada de apertura do ciclo 'Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro', que se desenvolve no Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa (TNDMII) os días 12, 19 e 26 de maio. No marco da mesa redonda 'Galicia-Portugal, culturas en diálogo', Jacobo Sutil tamén salientou as frutíferas experiencias de colaboración que, neste sentido, está a levar a cabo o Centro Dramático Galego (CDG).

De feito, o ciclo de actividades promovido na capital portuguesa pola Secretaría Xeral de Cultura enmárcase na estrea, o pasado día 7, da versión lusa da obra 'Saxo tenor', de Roberto Vidal Bolaño, o primeiro título da dramaturxia galega levado ás táboas polo principal teatro público portugués, que continúa a representarse na sala Garrett do D. Maria ata o 24 de maio. Este fito foi posible polo acordo para o intercambio de obras de autoría galega e portuguesa para incorporar aos repertorios do CDG e do TNDII, en virtude do que a compañía galega produciu e está a distribuír na actualidade ‘Xardín suspenso’, orixinal do autor portugués Abel Neves e con dirección de escena de Cándido Pazó. A versión galega de ‘Xardín suspenso’ representarase tamén diante do público lisboeta do 28 ao 31 de maio.

Outras iniciativas, outros puntos de contacto

O achegamento de Galicia á escena do país veciño comprende, así mesmo, outras iniciativas, tales como o proxecto ‘Nós. Territorio (Es)Cénico Portugal-Galicia’, unha experiencia que se desenvolverá ata 2016 co obxectivo de fundar un espazo común de traballo entre os estudantes das escolas superiores de teatro de Galicia e de Portugal, ou a atención especial que se lle dedica na carteleira do Salón Teatro de Santiago á actualidade escénica portuguesa, coa recente presenza de formacións como a Companhia de Teatro de Braga, Teatro Bruto, o Teatro de Almada ou a plataforma PELE e Grupo de Teatro de Surdos do Porto, entre outras.

Polo demais, 'Portugal-Galicia: Escenarios para un encontro' está a procurar novos puntos de contacto entre as culturas de ambas as beiras do Miño a través da literatura, da música, do audiovisual e mais do teatro.

Mesa redonda, poesía e cine

A programación, que inclúe tres xornadas, arrancou coa mesa redonda na que recoñecidos especialistas en materia cultural de Portugal e de Galicia reflexionaron sobre as complicidades, relacións e interaccións entre as dúas culturas. Xunto co director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tamén participaron a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo; o director do ‘Jornal de Letras', José Carlos Vasconcelos, e o subdirector da Dirección Xeral do Patrimonio de Portugal, Samuel Rego, que actuou de moderador.

O martes 19 de maio, as letras galegas e portuguesas uniranse no recital poético ‘Voces compartidas', da man das poetas galegas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Alba Cid, xunto coa portuguesa Maria João Cantinho. A xornada continuará cun concerto a cargo do compositor galego Xoán Curiel, acompañado polo músico brasileiro Sérgio Tannus.

O ciclo pechará o día 26 coa proxección do filme 'Doentes', de Gustavo Balza, baseada na obra homónima de Roberto Vidal Bolaño. O director do CDG será o encargado de presentarlle ao público a figura do dramaturgo galego.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia