Skip to main content

O turismo de golf, obxectivo estratéxico na oferta galega como valor de experiencias

O Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela acolleu a presentación da primeira edición do Circuíto de Golf dos Paradores de Galicia. O acto contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a presidenta de Galicia Destino Golf, Marisa Barandiarán, e o director do Parador de Santo Estevo, Santiago Carrera.

Durante a presentación a directora de Turismo de Galicia destacou que o deporte asociado ao turismo enriquece a experiencia dos que nos visitan e lles axuda a coñecer de preto algunhas das paisaxes máis espectaculares do destino. “A práctica do golf en Galicia incentiva o contacto coa natureza, primeira motivación pola que os turistas e viaxeiros elixen Galicia como destino, xa que os nosos campos de golf están totalmente integrados na natureza e na paisaxe”, afirmou Nava Castro.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que o feito de potenciar o turismo de golf na nosa comunidade enriquece a oferta turística e contribúe á captación de novos segmentos, consolidando a nosa comunidade como un destino experiencial.

Nava Castro explicou que un dos plans de acción recollidos no Plan Integral de Turismo de Galicia céntrase no desenvolvemento de produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específico. Neste senso, sinalou diversas iniciativas recollidas no mesmo encamiñadas á promoción, á captación de turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no Turismo de Golf.

Así mesmo, Nava Castro resaltou que a práctica do golf na nosa comunidade se pode combinar con outros grandes atractivos galegos, como o termalismo e a enogastronomía, o que, segundo afirmou, “supón un valor engadido para todos aqueles que queiran gozar da práctica deportiva do golf”.

A directora de Turismo de Galicia concluíu asegurando que este novo circuíto nos Paradores de Galicia é unha iniciativa única que posicionará a nosa Comunidade como destino ideal para os xogadores de golf. “Os participantes poderán gozar do deporte nun entorno único e comprobar que Galicia é o mellor destino para combinar a práctica deportiva, a enoloxía, a gastronomía e a actividade cultural nun contorno paisaxístico inigualable”, afirmou.

Innovador e atractivo circuíto

Este innovador e atractivo circuíto ofrece por primeira vez a posibilidade de combinar a práctica do golf con estancias nos Paradores de Baiona, Tui, Cambados, Pontevedra, Santiago, Santo Estevo e Monforte.

Esta primeira edición conta con cinco torneos clasificatorios, que se celebrarán nos campos do Real Aeroclub de Santiago -16 de maio-, Real Aeroclub de Vigo -19 de maio-, Golf Ría de Vigo -6 de xuño-, Montealegre Club de Golf -20 de xuño- e Montecastrove Meis -4 de xullo-, onde disputarase tamén a final -20 de xullo- onde participarán os 20 mellores xogadores dos torneos previos.

Os premios para os gañadores do circuíto serán estancias en diversos Paradores da rede nacional.

Ademais, co motivo do circuíto, durante as datas de celebración do mesmo, Paradores ofertará paquetes especiais de aloxamento e almorzo nos establecementos galegos participantes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia