Skip to main content

14 centros participan nun banco de tempo de actividades da rede CeMIT

A rede CeMIT vén de poñer en marcha un Banco de Tempo para incrementar a difusión da súa oferta formativa. Á iniciativa á que se adheriron 14 centros da Rede que se comprometen intercambiar horas de actividades e cursos de xeito que os seus usuarios se poidan beneficiar dunha maior oferta formativa.

O único requisito para poder participar neste Banco de Tempo e compartir un número de horas determinado e a partir de aí, cada aula poderá ser beneficiaria das actividades impartidas desde os demais centros.

A iniciativa arranca este mes de maio coa actividade de “Creación de tendas en liña Opencart” que se emite dende a aula CeMIT de Sigüeiro-Oroso ás aulas de Ames, Boiro, Carballedo e Celanova.
.
Aulas participantes e actividades previstas

As 14 que xa confirmaron algunha actividade para compartir son: Abegondo, Ames, Ares, Boiro, Carballedo, Celanova, Cuntis, A Coruña, Fisterra, Oroso, Ortigueira, Santa Comba, Vilagarcía e Vigo, sendo varias as aulas interesadas pendentes de confirmar datas ou programación de actividades

Entre as actividades confirmadas e calendarizadas para todos os meses deste ano 2015 atópanse 13 tipos de actividades formativas ou charlas divulgativas como: creación de tendas en liña, linguaxe publicitaria, charlas sobre coidados médicos, manexo de follas de cálculo, creación de presentacións, configuración de máquinas virtuais, facturación electrónica, comercio electrónico, redes sociais, uso de Google Apps, contabilidade e xestión con software libre ou charlas sobre alimentos que curan. Un conxunto de actividades que suman xa 200 horas de formación

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia