Skip to main content

A Escola Galega de Administración Pública homenaxea a Filgueira Valverde

A Escola rematou as celebracións relativas ao Día das Letras Galegas cun acto literario dedicado ao polígrafo pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, ao que asistiron Sonia Rodríguez-Campos, directora da EGAP; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Luis González Tosar, profesor, escritor e presidente do PEN Club de Galicia.

Este acto foi presidido pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, a cal fixo referencia á relevancia do homenaxeado, cualificando Filgueira Valverde como un dos intelectuais galegos máis destacados e como un grande promotor de actividades culturais en todos os campos posibles, o que lle permitiu “deixar un gran legado que nos permite entender mellor o mundo e a cultura da que provimos”.

Ademais, Rodríguez-Campos resaltou a intensa actividade do homenaxeado na “creación e dirección de institucións que foron e seguen a ser un referente no estudo da cultura da nosa terra, como o Seminario de Estudos Galegos, do que foi director, ou o Museo de Pontevedra, do cal foi fundador.

Filgueira Valverde, derradeiro polígrafo

No acto tamén participou Valentín García, que salientou o esforzo realizado pola EGAP na promoción da cultura e a lingua galegas tanto a través de actos como o de hoxe como mediante unha formación continua integramente en galego. O secretario xeral destacou a figura do homenaxeado polas Letras Galegas “como gran polígrafo de ampla e variada produción”. “Filgueira afondou na historia, na música, na antropoloxía, na lingua, na literatura... e en todos estes campos do saber fixo achegas relevantes para o autocoñecemento dos galegos e para a posta en valor da nosa cultura. E se o fixo como investigador e como escritor, tamén o fixo desde os seus cargos e responsabilidades públicas”, sinalou.

Finalmente, o profesor Luís González Tosar ofreceu aos asistentes un relatorio sobre a vida de Filgueira Valverde, destacando as súas facetas investigadora, cultural e política.

Xeira cultural

A celebración do Día das Letras Galegas comezou o 17 de maio, na Escola Galega de Administración Pública coa realización dunha visita aos lugares máis representativos da vida e obra do autor homenaxeado, que foi guiada por Felipe-Senén López, historiador da arte e arqueólogo. Durante esa xornada os asistentes coñeceron a Finca de Lourizán, os petróglifos de Mogor, o castelo de Soutomaior, o Museo de Pontevedra e o Mosteiro de Armenteira.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia