Skip to main content

Puy alerta da incertidume que se abre nun esceario con forzas políticas con principios e obxectivos incompatibles

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou que o PPdeG redobrará esforzos nestes últimos días de campaña electoral “porque, segundo as enquisas, temos opcións serias de manter o goberno na maioría das cidades galegas”. Neste sentido, dado que o PSOE “non se ten pronunciado en absoluto do que pensa facer ao día seguinte das eleccións, Puy manifestou “a incertidume que se abre nun escenario no que a alternativa ao PP son tres ou catro forzas políticas que teñen principios e obxectivos políticos a longo prazo manifestamente incompatibles entre si”.

Pedro Puy dou conta da xuntanza celebrada esta mañá polos deputados do Grupo Popular para avanzar as iniciativas que se proporán na Xunta de Portavoces de mañá para a súa incorporación á orde do día da sesión plenaria do Parlamento que terá lugar a vindeira semana.

Ademais, e dado que 21 dos 41 deputados que integran o Grupo Popular forman parte de listas en distintos concellos, a reunión serviu par analizar o desenvolvemento da campaña electoral. Puy afirmou que “os deputados do PPdeG están satisfeitos de como transcorre esta campaña, non só porque están sendo ben acollidos polos veciños, senón porque están a encontrar máis receptividade da que tiveron en campañas anteriores”.

O portavoz popular sinalou que “o PP está a facer un intenso esforzo para transmitir a mensaxe” e destacou a actividade que está a protagonizar o propio Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, cunha previsión de actos que pode chegar aos 70 nos quince días, co obxectivo tanto de atender a demanda dos distintos candidatos como pola receptividade que está a ter a súa presenza nos distintos actos electorais”.

DIFICULTADE PARA PREDICIR RESULTADOS

Puy puxo de manifesto a dificultade que hai á hora de predicir os resultados electorais a través das enquisas dado os elevados niveis de voto oculto que non son propios dunhas vésperas de votación, pero matizou que “as enquisas son un acicate para dobrar os esforzos na campaña”. Neste sentido, apuntou que “o PP estaría en disposición de gobernar e manter un amplo número de maiorías no ámbito local galego, sendo a forza gañadora en cinco das sete grandes cidades galegas”.

Tamén se referiu á incertidume existente nestas eleccións como consecuencia da existencia de novos actores na política local. “Fronte a esta situación, o PP se presenta como garantía de estabilidade nos gobernos locais, sobre todo cando se aprecia que as forzas que poderían disputarlle o goberno teñen entre si postulados lonxanos e formulan cuestións moi distintas e distantes entre si nos seus discursos e ofertas programáticas”, engadiu.

Pedro Puy explicou que “as mareas son un fenómeno moi diferente e plural” e lembrou que “a primeira formulación dese tipo de participación en política foi no Parlamento, coa incorporación do grupo de AGE”. “Cando un ve a cohesión dese grupo, o único que tivo dúas baixas; e a incongruencia das súas propostas, en relación co resto da oposición se introduce un factor de incerteza que no pasado non existía”, sinalou.

O portavoz popular lembrou que “nas últimas eleccións locais había unha disxuntiva entre gobernos do PP e de coalicións entre o PSOE e o BNG”. “Porén, hoxe esa situación ten desaparecido porque a irrupción dese novo actor introduce incertidume sobre a formación de coalicións inestables, que non foron capaces de concorrer cun mesmo nome, que integran segundo en que cidades a distintos colectivos, e que teñen contribuído a unha certa radicalización doutros actores, como o propio BNG”, apuntou.

O PSOE NON SE PRONUNCIA

A esta situación, Puy engadiu que “o PSOE non se ten pronunciado en absoluto sobre o que pensa facer ao respecto ao día seguinte das eleccións, e esa incertidume é un claro contraste coa oferta do PP, unha oferta de estabilidade no mantemento do goberno durante a lexislatura e de coñecemento do programa que se vai aplicar”.

“Todas as coalicións de goberno que se formaron nas grandes cidades hai catro anos remataron por rachar e deixaron gobernando ao alcalde que tiña en moitos casos menos votos e menos concelleiros que o PP”, recordou Puy. Deste xeito, considerou “lóxico que nesta última fase da campaña poñamos de manifesto a incertidume que se abre nun escenario no que a alternativa ao PP son tres ou catro forzas políticas que teñen principios e obxectivos políticos a longo prazo manifestamente incompatibles entre si”.


Gabinete de Comunicación do PPdeG