Skip to main content

O PPdeG apoia a proba individualizada dos alumnos de 3º de primaria porque permitirá avaliar avances do sistema educativo galego e correxir erros

O portavoz de Educación do Grupo Popular, Hipólito Fariñas, negou “rotundamente” que os alumnos de 3º de primaria vaian facer unha reválida, porque “se trata dunha proba individualizada para avaliar os avances no sistema educativo galego e adoptar as medidas axeitadas para cada centro e estudante”.

Hipólito Fariñas afirmou que o dicionario da Real Academia Galega define reválida como “exame co que se revalidan certos estudos e se obtén un grao ou título académico”, polo que negou “rotundamente que esteamos a falar dunha reválida aos alumnos de 3º de primaria, senón dunha proba individualizada de avaliación”.

Neste sentido, engadiu que os resultados desta proba “non vai figurar no expediente académico do alumno, dado que só quedará no expediente do centro e na notificación que se lle fará chegar ás familias, que poderán participar no deseño daquelas medidas de reforzo que consideren oportunas en función dos resultados desta proba”.

O portavoz popular lembrou que esta proba vai avaliar dúas competencias básicas: a lingüística, desde o punto de vista da expresión e a comprensión oral e escrita; e a matemática, desde o punto de vista da resolución de problemas e do cálculo.

“O obxectivo é buscar a eficiencia do sistema educativo que non foron quen de facer na etapa do Goberno bipartito, cando tiveron resultados absurdos porque non se adoptou ningunha medida para a mellora da calidade educativa”, engadiu.

Fariñas salientou que “non foi o PP nin os gobernos populares quen inventaron esta proba, senón que foron outros gobernos progresistas os que xa a incorporaban na Lei Orgánica de Educación do ano 2006, do mesmo xeito que se está a aplicar en países como Alemaña ou Francia”. Así mesmo, criticou aos grupos da oposición de “facer chamamentos irresponsables en Galicia e calar noutras comunidades autónomas nas que gobernan e que tamén levarán a cabo esta proba”.

Para rematar, o portavoz popular sinalou que esta proba “estará feita por profesores do sistema educativo galegos para buscar información individual de cada alumno, co obxectivo de detectar posibles dificultades na aprendizaxe”.
Gabinete de Comunicación do PPdeG