Skip to main content

Expertos apelan á importancia do compromiso cívico das Universidades para formar cidadáns comprometidos coa sociedade

A EGAP acolleu o I Simposio Internacional ‘Aprendizaxe-Servizo na Educación Superior. Innovación, Calidade e Institucionalización`, organizado en conxunto entre este organismo e a USC, en colaboración coa Rede de Excelencia ´Universidade, Innovación e Aprendizaxe na Sociedade do Coñecemento` do Ministerio de Economía e Competitividade, ao que asistiron máis de 150 persoas.

Na súa inauguración participaron a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López Pereira; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o profesor Miguel A. Santos Rego, coordinador da Rede e Presidente do Comité Organizador.

Durante o acto, a directora da EGAP sinalou que un dos retos más importantes é adaptar o ensino universitario ás circunstancias actuais. “É necesario un cambio da cultura universitaria”. Neste sentido, Sonia Rodríguez-Campos subliñou que o sistema educativo “precisa novas formas de ensinanza que dean resposta ás demandas actuais e que vaian máis aló da idea principal de aprender e coñecer”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, apuntou que é preciso unha mellora da calidade da ensinanza nas universidades. “O profesor non só é un mero comunicador da aula. As capacidades cognitivas e as actitudes son cada vez máis importantes”. Ademais, fixo fincapé en que é necesario un cambio de mentalidade de profesores, alumnos e institucións. Isto é un proceso básico para o futuro das universidades”.

A continuación, o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López Pereira, asegurou que a universidade “ten que saír cara á fóra e preocuparse do seu entorno social. O Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) é o contexto idóneo para implantar a aprendizaxe-servizo”. Finalmente, o profesor Miguel A. Santos Rego, Presidente do Comité Organizador, apuntou directamente á responsabilidade social e cívica das universidades a través da aprendizaxe.

O prestixioso catedrático da Teoría da Educación na Facultade de Pedagoxía da Universidade de Barcelona, José María Puig Rovira, foi o encargado de dar a conferencia inaugural sobre ´Aprendizaxe-Servizo e a innovación na universidade: sentido e posibilidades`. Na súa intervención, sinalou que a incorporación da ApS na universidade é unha innovación que precisa unha filosofía, unha metodoloxía e unha organización.

“A aprendizaxe-servizo é unha filosofía de responsabilidade social da universidade que require un compromiso cívico, unha colaboración entre a universidade e a comunidade, una formación ética, crítica e cidadá dos alumnos e unha mellora da docencia e a investigación”.

Durante a mañá tamén participou a profesora Lorraine Mcllrath, que falou sobre a experiencia da aplicación da ApS no Universidade irlandesa de Galway e as estratexias para a súa institucionalización nos centros de educación superior.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia