Skip to main content

Máis de 200 variedades concursan na XXVII Cata dos viños de Galicia

Un total de 215 viños das 5 Denominacións de orixe vitivinícolas, pertencentes a 137 adegas participan na XXVII Cata dos Viños de Galicia, que se desenvolve ata o 11 de xuño no CIFP Compostela baixo a dirección da Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración cos cinco Consellos Reguladores das Denominación de Orixe vitivinícolas. A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, inaugurou o certame.

A esta cata concorren 40 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, 32 da DO Ribeiro, 21 da DO Valdeorras, 29 da DO Ribeira Sacra e 15 da DO Monterrei. Ademais, de entre os viños participantes, 30 concorren na categoría de colleiteiro. As mostras presentadas serán avaliadas por 12 expertos do sector vitivinícola, entre eles membros de paneis de cata de diferentes denominacións de orixe de Galicia, enólogos e viticultores.

Na inauguración deste concurso, a directora xeral agradeceu á organización da cata o esforzo para que este evento sexa unha realidade, de feito, é o máis importante de entre os que se celebran na nosa Comunidade.

Os especialistas probarán todos os caldos nunha cata cega, seguindo un proceso que garante o anonimato dos participantes e a cata realízase en dúas fases, unha de selección e outra final.

Augardentes e licores tradicionais

A esta cata seguiralle o venres 12 de xuño a XVII Cata dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar en colaboración co Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das augardentes e licores tradicionais.

Nesta edición inscribíronse inicialmente un total de 14 augardentes, 5 augardentes de herbas, 10 licores de herbas e 8 licores café de Galicia. O panel de cata deste certame estará formado por 7 expertos en análise sensorial.

Os expertos que compoñen os paneis de ambas catas irán descartando os viños e licores e augardentes tradicionais ata dar, entre outros, co Mellor Viño Branco de Galicia, Mellor Viño Tinto de Galicia e cos Potes de Ouro, Prata e Bronce. Os premios destes concursos entregaranse nun acto formal que terá lugar o vindeiro 29 de xuño no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia