Skip to main content

O Congreso dos Deputados acolle a exposición de fotógrafos galegos Via Iacobitana

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a exposición Vía Iacobitana que acolle o Congreso dos Deputados dende hoxe ata o 1 de xullo.

Segundo explicou Nava Castro, no acto de inauguración, a exposición é unha nova expresión da creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea.

Varios fotógrafos galegos, transformados en eventuais peregrinos, percorreron as diversas rutas do Camiño de Santiago para mostrar a través das súas fotografías a súa particular visión e as sensacións persoais que lles suxire a ruta.

“Á visión da paisaxe circundante e próxima, cambiante segundo a época do ano, o tempo e as variacións da luz, súmase a vivencia da propia peregrinación e ao legado cultural que atesoura, coa presenza de cada un dos camiños, do seu rico patrimonio histórico e dos peregrinos que cada ano percorren a Vía Iacobitana que lles conduce a Santiago de Galicia”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Nava Castro sinalou que, a través da mostra, cada un destes artistas recolle nas súas imaxes, uns camiños vivos e moi vividos, plenos de evocacións e propostas. “Rutas de peregrinación a Compostela ao alcance de todo aquel que se fai peregrino e desexa sentir unha experiencia milenaria”, resaltou a responsable de Turismo da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia explicou que coas imaxes propostas por ‘Vía Iacobitana’ evidénciase unha vez máis a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, así como, o seu inesgotable e imantador poder de sedución. “A sensibilidade artística e a profesionalidade dos fotógrafos que participan na mostra, cativados polos potenciais e valores desta experiencia única, forxan un novo legado iconográfico que pasa a formar parte do legado xacobeo, un tesouro en permanente estado de recreación e renovación”, sinalou Nava Castro.

Promoción e potenciación da cultura xacobea

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia resaltou que son miles as exposicións dedicadas ao Camiño ao longo do tempo que nos recordan que é un fenómeno vivo e eterno.

Neste senso, Nava Castro destacou o papel fundamental que xoga o feito de promover e potenciar a cultura xacobea na labor pola conservación e posta en valor do Camiño de Santiago.

“O labor divulgativo xoga un papel vital para a preservación do Camiño de Santiago”, afirmou a responsable de Turismo da Xunta.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia