Skip to main content

Un curso de verán da UIMP apoia a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial


O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na apertura do curso “A Ribeira Sacra. Protección dun paisaxe natural. Candidato a Patrimonio Mundial”, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, e que ten como principal obxectivo impulsar a inclusión deste enclave na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. O curso foi inaugurado pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; que estivo acompañada do director en Galicia da Universidade Menéndez Pelayo, Domingo Bello Janeiro; e do Valedor do Pobo, José Julio Fernández.

Deste xeito, un equipo multidisciplinar de expertos composto por xeógrafos, edafólogos, xuristas, historiadores e arqueólogos analizarán distintos aspectos da Ribeira Sacra, co fin de elaborar un documento técnico que sustente esta candidatura perante a UNESCO.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, deulles a todos eles a benvida e animounos a debater sobre todos os aspectos medioambientais, sociolóxicos, culturais, económicos ou demográficos que conforman a Ribeira Sacra. “Logo desta xornadas –dixo– poderemos estimar mellor o Valor Universal Excepcional e as condicións de autenticidade e integridade que ten a Ribeira Sacra para a súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO”.

Nesta liña, o conselleiro comprometeuse a prestar todo o apoio e asesoramento técnico necesario aos promotores da candidatura, e a actuar coma máxima dilixencia na súa tramitación e supervisión. Asegurou así mesmo que o seu departamento está comprometido coa incoación do expediente para declarar esta zona Ben de Interese Cultural coa consideración de territorio histórico xa que, segundo explicou, trátase dun paso previo imprescindible para avanzar cara a declaración de Patrimonio da Humanidade.

Para Román Rodríguez a preservación e posta en valor destas paisaxes vai máis aló dunha necesidade patrimonial ou ecolóxica, e ten unha clara vertente socioeconómica xa que “unha correcta xestión dos nosos recursos naturais e patrimoniais depende, en gran parte, o desenvolvemento sostible do país.

A este respecto o conselleiro lembrou que a nova Lei do patrimonio cultural de Galicia –que está elaborando o seu departamento– vai converterse nun mecanismo esencial que mellorará a xestión e a realidade patrimonial, a eficiencia administrativa e a seguridade xurídica.

O conselleiro rematou a súa intervención expresando os seus parabéns á Universidade Internacional Menéndez Pelayo pola organización do encontro; ao Valedor do Pobo pola dirección das xornadas; e ao Parlamento de Galicia, que acolle o curso que rematará o vindeiro xoves cunha visita á zona da Ribeira Sacra.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense:

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu no Parlamento de Galicia ao encontro “A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial”, para referendar o apoio do goberno provincial ourensán a esta iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor a singular paraxe da Ribeira Sacra.

O acto, organizado polo Valedor do Pobo e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), contou tamén coa presenza da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta, Román Rodríguez; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e o director en Galicia da UIMP, Domingo Bello Janeiro, amosando así o respaldo de todas as institucións presentes á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.

Manuel Baltar afirma que toda Galicia “será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións”. O presidente ourensán destaca que o labor que se está a levar a cabo a prol deste recoñecemento “está presidido pola unanimidade, a profesionalidade e o rigor”, e aínda que o camiño é longo “farémolo co acordo e o consenso de todos”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia