Skip to main content

O BNG di que o Plan de financiamento 2011-2015 supón o fracaso para o sistema universitario galego

Tras a intervención do secretario Xeral de Universidades para informar da análise do Plan de financiamento do Sistema Universitario de Galiza 2011-2015, o parlamentario do BNG, Cosme Pombo criticou “os continuos recortes” nesta ámbito e afirmou que o plan anuncia “o fracaso” para o sistema universitario galego.

Para o deputado, a análise do Plan de financiamento para as Universidades defendido polo secretario xeral como “dinámico, sostible, equitativo e eficiente” é outra nova mostra propagandística do Partido popular mentres a realidade dixo, tradúcese en “menos profesorado e recursos nos últimos cinco anos, un grave recorte que provoca a asfixia do sistema universitario galego” e a diminución de financiamento e recursos humanos, “principal capital a nosa universidade.

O parlamentario tamén lembrou que foi recortado o dereito á educación superior para máis 5.000 galegos e galegas que durante a vixencia deste plan desapareceron do sistema universitario. Recortes, que para o BNG, dixo, afectaron gravemente á calidade docente e investigadora por mor, reiterou da asfixia económica durante este anos.

O goberno galego, dixo, presume do Plan de financiamento como “suficiente, estable, dinámico, útil, flexíbel,consensuado e que blinda os niveis de calidade”, máis para o BNG, dende a chegada de Feijóo á Xunta no ano 2009, “o recorte é dramático” nas ensinanzas universitarias que pasaron de 385, 8 millóns de euros a 322,7 na actualidade.
O deputado negou as afirmacións do secretario xeral sobre o medre en investigación, “as cantidades no papel parecen as mesmas pero a execución foi moi deficiente”, afirmou.

Finalmente, o deputado destacou o “deterioro” da calidade universitaria ante os continuos recortes polos que a universidade de Compostela perde 22 millóns de euros, a de Vigo 16 millóns e a de Coruña máis de 22 millóns co Plan de financiamento. O deputado tamén criticou que o investimento en investigación non chegue ao 0,8 % do PIB de Galiza cando a media en España sitúase no 1,4% e en Europa máis do 2,1% concluíu.
Gabinete de Comunicación do BNG