Skip to main content

O BNG dá por interrompidas as negociacións co PSdeG para as Deputacións pola falta de avances nos programas

O BNG dá por suspendidas as negociacións co PSdeG-PSOE ante a falta de avances reais na negociación dun acordo político programático nacional, que sirva para abrir unha nova etapa no funcionamento das deputacións no camiño da súa desaparición a través da transferencia de competencias e recursos cara a Xunta e os concellos.

Igualmente, o BNG reiterou ao PSdeG-PSOE que non vai dar o seu apoio para asumir a presidencia da Deputación de Lugo a ningún cargo público imputado e, de novo, volveu apelar á responsabilidade do partido socialista para que formule unha proposta que poda facilitar un goberno alternativo ao PP no ente provincial, e sempre cun acordo programático previo.

Así mesmo, a formación nacionalista subliña que non son tempos para decisións unilaterais, menos na conformación de órganos de goberno. O resultado do 24M deixa claro que a cidadanía quere diálogo, negociación e abrir un cambio en profundidade nas administracións locais.

Fotografía: arquivo GD/BNG/PSdeG
Gabinete de Comunicación do BNG