Skip to main content

A Xunta impulsa un plan estratéxico cos axentes do sector lácteo para mellorar o valor engadido do produto

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, apostou por impulsar entre todos os axentes da cadea de valor do leite un plan estratéxico para este sector, que permita que produtores e industria consigan darlle un maior valor engadido ao produto. Fíxoo antes de presidir a xuntanza do Consello Agrario Galego, que se reuniu esta mañá en Santiago.

Rosa Quintana reafirmou a aposta de todas as administracións autonómicas –empezando pola Xunta de Galicia– e a Central na defensa da condición de sector estratéxico para o lácteo, tanto na nosa Comunidade como no conxunto do Estado.

Nesta liña, a conselleira lembrou as diferentes medidas postas en marcha polo Goberno galego para apoiar a este sector e referiuse nomeadamente aos pagos que se veñen de facer efectivos –este pasado 30 de xuño– da PAC. Así, explicou que esta mesma semana se aboaron en total 160 millóns de euros para o sector agrogandeiro, dos cales máis de 2 millóns son para mellora da calidade do leite e máis de 22 millóns para os gandeiros de leite que están en zonas desfavorecidas. A estes hai que engadir os 108 millóns de euros que veñen do pago único, coa parte que lle corresponde ao sector gandeiro, engadiu.

Ademais, Rosa Quintana reiterou que “estamos revisando todos os proxectos de industrias lácteas que permitan acadar un maior valor engadido ao noso produto” e poñendo en marcha diferentes campañas de promoción do consumo de leite (caso da centrada no leite catalogado co selo Galega 100%) ou “falando coas asociacións de consumidores para desenvolver algunha campaña de acercamento dos consumidores ao noso sector gandeiro”, remarcou.

A titular de Medio Rural e Mar fixo de novo un chamamento á serenidade e ao entendemento entre todos os axentes da cadea de valor do leite, porque –dixo– todos son complementarios e se necesitan entre si. Lembrou tamén que o pasado luns nunha reunión coa industria os seus representantes comprometéronse a que non quedara ningún litro de leite sen recoller, pero advertiu ao tempo que é preciso producir “o que somos capaces de vender” nun momento de complicada conxuntura internacional, cunha elevada produción e un nivel de consumo que non está respondendo tan ben como cabería agardar.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia