Skip to main content

Economía e Industria achega ás empresas galegas as claves para vender con éxito en China

O Igape, en colaboración con Eseune Business School, organiza o mércores 8 de xullo unha xornada técnica co obxectivo de achegar ás empresas galegas as claves de negocio para a mellora das exportacións nos mercados chinos.

O encontro desenvolverase na sede do Mupega (San Lázaro) a partir das 9:30 horas e está especialmente orientado ás empresas dos sectores agroalimentario, téxtil-moda e TIC. As entidades participantes poderán participar en relatorios centrados nas claves de marketing que cómpre ter en conta nos negocios con China e sobre a integración de Internet nos plans de internacionalización.

China constitúe un dos mercados prioritarios para a Xunta, que mantén en Shangai unha oficina ao servizo das empresas galegas que apostan por iniciar ou consolidar as súas exportacións ao país asiático. Trátase dun mercado ao que exportaron 421 empresas galegas durante o 2014, o que supón un incremento de máis do 21% con respecto ao ano 2013. En total, a cifra de exportacións ascende a 178 millóns de euros, un 6% máis ca no ano anterior.

A xornada técnica encádrase no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que está a desenvolver a Xunta co obxectivo de acadar as 8.000 empresas exportadoras e incrementar nun 25% o investimento estranxeiro en Galicia en 2020. Baixo este contexto, o Goberno autonómico colabora co tecido produtivo galego na procura de novos mercados de alto potencial e interese estratéxico, como é o caso de China.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia