Skip to main content

O smarturismo permitirá transformar o turismo tradicional en intelixente para fomentar Galicia como destino

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o Plan Smarturismo permitirá transformar o turismo tradicional en turismo intelixente da man da tecnoloxía. “Estamos a falar –dixo- da folla de ruta que nos leva ata 2020; cinco anos para desenvolver iniciativas tecnolóxicas e innovadoras que nos axuden a impulsar Galicia como destino único, mellorar a experiencia do viaxeiro e atraer novos visitantes e fidelizar aqueles que xa coñecen a comunidade”.

Durante o acto de presentación desta iniciativa, no marco da Axenda Dixital de Galicia 2020, Feijóo explicou que, dotado con 10 millóns de euros, establecerá as pautas para facer de Galicia un destino turístico intelixente; e adaptará os modelos de negocio aos novos hábitos de consumo turístico. “Un plan, en definitiva, para modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo en Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar os Camiños de Santiago”, afirmou.

Para acadar estes obxectivos, Feijóo avanzou que a principios de outubro estará dispoñible a Plataforma Tecnolóxica do sector (EXTRANET), unha ferramenta única de acceso a todos os servizos que proverá Smarturismo. Unha canle dixital para o sector, que estará integrada coa sede electrónica da Xunta, para facilitarlle a xestión online da súa información administrativa e promocional.

A finais de ano publicarase o novo portal de Turismo de Galicia, un novo espazo para a difusión da oferta turística e a localización de contidos e servizos polo turista, que estará orientado a dispositivos móbiles e que reforzará a comercialización do produto turístico galego. E, no último trimestre do ano tamén arrancará o primeiro fito dunha liña específica para potenciar os Camiños de Santiago, SmartCamiño, á que xa se adheriron máis de 700 empresas situadas na Ruta Xacobea.

Sobre este punto, Feijóo destacou a publicación dun portal do Camiño xunto cunha aplicación móbil para que os peregrinos poidan recibir información en tempo real a medida que avanzan cara Compostela –desde servizos turísticos e comerciais de cada lugar por onde pasan, a cambios meteorolóxicos, información de albergues, eventos...-; “e, antes de que remate o ano, dotarase de conexión Wifi, nunha primeira fase, a 46 dos albergues públicos do Camiño”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo garantiu o esforzo da Xunta para conseguir unha integración real das TIC neste sector para facilitar a súa modernización, a prestación de servizos avanzados e a optimización de recursos.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención destacando os datos da última Enquisa de Ocupación Hoteleira, datos que reflicten que o número de viaxeiros aloxados en Galicia acumulado ata maio deste ano chegou a preto de 1,2 millóns, o que significa un aumento do 10% respecto ao mesmo período do ano pasado –a cifra máis alta dos últimos cinco anos-; e o turismo internacional increméntase nunha porcentaxe superior ao total (17%), e xa representa o 26% do total de viaxeiros aloxados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia