Skip to main content

O workshop Civil UAVs Intiative enfatiza o potencial tecnolóxico de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o interese de máis de 200 empresas no polo tecnolóxico dos avións non tripulados e reiterou o compromiso firme da Xunta co proxecto, cun investimento total de máis de 55 millóns para o seu desenvolvemento e que vén de dar hoxe un paso adiante coa publicación no DOG das bases para a contratación do socio industrial do proxecto.

Durante a apertura do workshop Civil UAVs Initiative, Feijóo incidiu en que Galicia é un escenario propicio para calquera investidor que queira desenvolver as súas liñas de traballo no sector dos avións non tripulados e agradeceu o interese mostrado por máis de 200 empresas, moitas delas galegas pero tamén procedentes de países como Estados Unidos, Reino Unido, Australia, Israel, Italia ou Suíza.

“Grazas a todos, porque desde que no mes de maio abrimos o proceso de busca dos socios industriais, a resposta obtida foi abafadora”, dixo o responsable do Goberno galego, logo de facer fincapé no compromiso firme da Xunta: con recursos para complementar a aposta dos socios industriais, máis de 25 millóns; con recursos para abrir un proceso de contratación pública para solucións tecnolóxicas relacionadas co sector dos avións non tripulados, 20 millóns de euros; e con recursos tamén para o centro aeronáutico de Rozas, con 10 millóns de euros conxuntamente co Ministerio de Economía e Competitividade e co INTA.

Durante a súa intervención, Feijóo aseverou que este proxecto significa para Galicia avanzar cara a unha posición de vangarda no aeronáutico e tamén noutros sectores estratéxicos; avanzar cara a máis emprego “e, sobre todo, máis emprego de alta cualificación; e un paso máis na aposta clara por diversificar a nosa economía”.

Profundar na diversificación

Neste contexto, o titular da Xunta subliñou que, no camiño da recuperación, agora o reto é debuxar a folla de ruta que consolide o crecemento e fortaleza as nosas posibilidades económicas para os vindeiros anos. E, nese reto, aseverou que Galicia tivo claro desde o principio que era imprescindible profundar na diversificación económica: “A recesión puxo de manifesto que éramos vulnerables ante as dificultades e, por elo, o futuro económico esixe que abramos novos camiños. E tanto a RIS3 como a Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0 sinaláronnos que un deles podía e debía ser o sector aeronáutico, e concretamente o ámbito dos avións non tripulados”, precisou.

Nesta liña, Feijóo afirmou que se trata do sector de maior crecemento previsto na industria aeroespacial nesta década, cun volume de negocio mundial estimado de 70.000 millóns de dólares nos próximos dez anos. “Polo tanto, o novo polo tecnolóxico implica situar Galicia nunha situación de vantaxe nun mercado con óptimas expectativas de crecemento; e implica estar xerando demanda exterior garantida”, engadiu.

Así mesmo, salientou que este sector pode contribuír á xestión máis eficiente de ámbitos vitais para Galicia, como o monte, a agrogandería, o mar, o territorio ou o control das emerxencias. Non en van, os usos de avións non tripulados poden dirixirse cara a prevención de incendios, o salvamento marítimo, o control do furtivismo ou a xestión máis eficiente dos fluxos turísticos; e, todo elo con múltiples vantaxes como: a redución de custos, maior seguridade, máis autonomía no voo e cunha capacidade de adaptación moi superior ante circunstancias adversas.

Fortaleza do sector aeronáutico galego

O presidente do Goberno galego referiuse tamén á capacidade de influencia deste sector noutros que tamén son estratéxicos para a Comunidade. “O polo tecnolóxico terá en empresas galegas da automoción ou do naval, por exemplo, grandes aliados para lograr valor engadido”, incidiu, resaltando tamén a fortaleza que xa neste momento ten a aeronáutica en Galicia.

Sobre este punto, Feijóo lembrou que o Consorcio Aeronáutico Galego está integrado por máis de 60 empresas; “e oito pemes procedentes doutros sectores tiveron a visión de asociarse en UDEGA para demostrar a capacidade que sectores como a automoción ou o naval teñen para aportar valor á industria aeronáutica”.

Como terceiro punto, recordou tamén que Galicia ten unha base de coñecemento prometedora iniciada polas empresas do sector e complementada no eixe Vigo-Ourense-Lugo polos centros tecnolóxicos das TIC ou da metalurxia, entre outros. “E que, ademais, imos reforzar coa posta en marcha dunha titulación específica en Ourense e co nodo de investigación que está arrancando no Campus de Vigo”, precisou, logo de destacar o Centro Mixto de Investigación Aerotransportada que a Xunta está impulsando xunto co Instituto Nacional de Investigación Aeroespacial, na localidade lucense de Rozas.

O responsable autonómico referiuse a esta instalación como o xerme e o aval máis importante do polo tecnolóxico “que imos levantar coa empresas como as que estades hoxe aquí”. E aseverou que a alianza con INTA garante para o centro unha ampla carteira de proxectos de innovación, “que xa de por si supón un atractivo para o socio ou socios industriais do polo tecnolóxico”.

Feijóo concluíu resaltando tamén as características concretas de Rozas, cunha baixa densidade de poboación e un reducido tráfico aéreo, “factores claves para a seguridade e a eficiencia dos avións non tripulados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia