Skip to main content

12 expertos da empresa, a innovación e a universidade, no Plan Estratéxico 2015-2020

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O comité asesor do Plan Estratéxico 2015-2020 conta coa presenza de 12 persoas de recoñecido prestixio no eido da empresa, a innovación, os recursos humanos, a universidade e as políticas públicas. Santiago acolle o mércores 22 de xullo a reunión de constitución deste organismo, presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Entre os membros do comité asesor figura Michael Schneider, representante do ‘Land’ de Sajonia-Anhalt ante o Goberno Federal de Alemaña. Sajonia-Anhalt é un dos 16 estados federados de Alemaña, conta cunhas características poboacionais similares ás de Galicia e experimentou nos últimos anos unha evolución económica moi positiva.

O comité contará tamén co asesoramento de representantes de compañías punteiras, tanto en Galicia como no resto de España e no estranxeiro. Así, entre os membros do comité figuran Antonio Abril, secretario xeral e do consello de administración de Inditex; José Luis Vázquez, con ampla experiencia na dirección financeira e de recursos humanos en Arthur Andersen; ou a lucense Rosa García Piñeiro, presidenta de Alcoa en España.

Tamén forman parte do comité Francisco Puga, presidente de Delta Vigo; Roberto Tojeiro, presidente e conselleiro-delegado de Gadisa; Manuel Gómez Franqueira, presidente do Grupo Coren; e Ángel Prado, responsable de seguridade da compañía TIC Salesforce.

O órgano de asesoramento do Plan Estratéxico 2015-2020 contará tamén coa presenza de José María Arias, presidente da Fundación Barrié de la Maza e máximo dirixente de APD-Zona Noroeste.

Expertos da universidade

O comité asesor contará tamén con tres expertos de acreditada traxectoria académica e investigadora na Universidade, especialmente no eido económico.

Así, formará parte do comité Antón Costas, catedrático de Economía Aplicada da Universidad de Barcelona e presidente do Círculo de Economía; Santiago Lago, catedrático de Economía e director de GEN (Universidade de Vigo); e Luis Caramés, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Santiago de Compostela.

A configuración do comité asesor do Plan Estratéxico 2015-2020 complétase coa presenza do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; e co director xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta, Miguel Corgos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia