Skip to main content

O PPdeG solicita debater unha fórmula para a estabilidade financeira da capitalidade galega

O Grupo Popular rexistrou unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a someter á consideración do Consello da Capitalidade de Santiago de Compostela unha fórmula que dea estabilidade ao financiamento da capitalidade, que para o presente ano está fixada en 2.325.000 euros.

A viceportavoz popular, Paula Prado, lembrou que Lei 4/2002 do estatuto da capitalidade da cidade de Santiago estableceu unha previsión de financiamento específico nos orzamentos da Comunidade Autónoma para Compostela, en atención á súa condición de capital da Comunidade galega.

“O obxectivo desta aportación periódica por parte da Xunta de Galicia, de acordo cunha solicitude feita polo portavoz do grupo municipal do PP en Santiago, Agustín Hernández, é contribuír a sufragar os gastos necesarios derivados dos servizos que presta a cidade de Santiago como capital galega”, sinalou a viceportavoz popular, quen engadiu que a a capitalidade de Santiago de Compostela “é, desde un punto de vista político e histórico, unha condición consolidada e irrevogable, polo que consideramos oportuno que o seu financiamento estea previsto nos orzamentos da Comunidade autónoma”.

Segundo se recolle na Lei 4/2002 do estatuto da capitalidade de Santiago de Compostela, a súa condición de capital de Galicia conleva un apartado específico nos orzamentos da Comunidade galega. Deste xeito, a Xunta de Galicia leva transferido ao Concello de Santiago para este fin desde o ano 2004 máis de 30 millóns de euros.

“O que pretendemos con esta iniciativa é que se fixe unha fórmula que lle dea estabilidade ao financiamento da capitalidade previsto na Lei, de xeito que os responsables do Concello de Santiago coñezan con anterioridade os fondos que van recibir para poder incorporalos aos seus orzamentos anuais”, indicou Paula Prado.
Gabinete de Comunicación do PPdeG