Skip to main content

A Feira do Libro da Coruña ofrece preto de 100 actividades na súa 44ª edición

A Feira do Libro Novo da Coruña celebra en 2015 a súa cuadraxésima cuarta edición cun completo programa que se desenvolve entre o día 1 e o 10 do mes de agosto e que inclúe un total de 96 actividades nas que participarán destacados escritores e escritoras.

Os xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina volverán ser o escenario desta “cita de referencia na axenda cultural de Galicia”. Así se referiu ao evento o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, esta mañá durante a rolda de prensa de presentación da nova edición da feira, “que constitúe a festa do libro máis vizosa de Galicia”. “Trátase –dixo– dun referente para os propios libreiros e editores, un encontro cultural no que o libro galego sae á rúa nesta cidade que cada verán comparte o seu espazo e o seu lecer con visitantes de todo o mundo”.

Na rolda de prensa, que tivo lugar na sede do concello da Coruña, tamén participaron o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Antón Pedreira, e o concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande.

Labor constante das librarías

En relación á grande acollida coa que conta anualmente a feira, o secretario xeral fixo fincapé no “labor constante levado a cabo polas librarías da Coruña, xunto co “fértil traballo desenvolvido pola rede de bibliotecas públicas da cidade”. Entre elas, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés, de xestión autonómica, volverá contar cun espazo propio na feira, a través do que lle achegará ao público os seus servizos e no que as persoas interesadas terán ocasión de realizar in situ o carné da biblioteca.

A apertura da feira, o 1 de agosto, ás 12:30 horas, contará co pregón de Mercedes Queixas Zas e mais coa actuación da Banda Municipal de Música da Coruña. A partir da tarde e ata o día 10, os xardíns de Méndez Núñez serán o escenario de numerosas presentacións e sinatura de libros, a cargo de escritores e escritoras como Manuel Rivas, Elena Gallego, César Antonio Molina, Xerardo Quintiá, María Solar, Xavier Alcalá, José Mejuto, Fran P. Lorenzo, Ledicia Costas, Manuel Blanco Desar, Antonio Reigosa, Alfredo Conde, Elena Galván e Suso Lista, entre outros.

O lema baixo o que se presentan as Feiras do Libro de Galicia 2015, ‘A historia en letras’, fai referencia ao homenaxeado este ano coas Letras Galegas pola Real Academia Galega, Xosé Filgueira Valverde. O autor tamén terá presenza na feira coa presentación da obra ‘Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual’ (Edicións Xerais), de Xesús Alonso Montero, que presentará o seu libro o 3 de agosto ás 21:15 horas.

Propostas para os máis novos

Tampouco faltarán na Coruña actividades para lles achegar aos máis novos o libro e a lectura. O espectáculo de maxia cómica ‘Leo Leíño’, a cargo de Leonor Rodríguez; o contacontos de Miguel Ángel Alonso, a presentación do libro disco ‘Sira e o robot. Adventures on Titan’, ‘A gramola gominola’, de Galaxia; ‘Chuches a mil’, con Fran Amil; o contacontos e actividade de ilustración con María Lado sobre o seu libro ‘Porque Cuqui non quere ir á lavadora’ ou ‘Gatuxo’, con Magín Blanco, son algunhas das propostas da feira para o público infantil.

Participantes

Berbiriana, Editores Coruñeses, El Faro de los Tres Mundos, IGN-CNIG, Espazo do Lector Nobel, Librería Cascanueces, M. Moleiro Editor, Libraría Couceiro, Praza do Libro, Komic Librería, Ediciones del Viento/Reino de Cordelia, 7 Mares Libros, Brea, Edelvives-Tambre, Aenea, Santos Ochoa, Consorcio Editorial Galego, Nobel Burela, Libraría Pedreira, Libraría Cartabón, Luzes, Áncora Libraría, Hegar, Alita Comics, Librería Molist, A Serpe Edicións, Librería Arenas, Xiada, Nova Galicia Edicións, Ler Probra do Caramiñal, Librería Formatos, Siloé, Librería Roget, M. Couceiro Librarías e Editorial Eneida participarán na nova edición da feira, que permanecerá aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá (agás na fin de semana, que se amplía ata as 14:30 horas) e de 18:00 a 22:00 horas.

Próximas citas co libro

Logo do seu paso pola Coruña, as Feiras do Libro de Galicia 2015, promovidas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, chegarán tamén no mes de agosto aos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 30; e mais de Monforte de Lemos, do 26 ao 29. As citas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, na páxina web www.cultura.gal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia