Skip to main content

Aposta pola colaboración da artesanía con outras disciplinas no proxecto Música no Claustro

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, aposta pola colaboración da artesanía con outras disciplinas na XI edición de Música no Claustro, que se celebrará do 7 ao 9 de agosto na Catedral de Tui. Baixo o leitmotiv #contrastes, a Catedral acollerá un Festival que aposta pola visibilización da diversidade. No acto de presentación, no que participou a Xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, déronse a coñecer as actividades que conforma o programa multidisciplinar deste encontro musical, dirixido a todos os públicos.

Este ano contarase coa presenza dos artesáns Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014, e Xaneco, nun programa multidisciplinar dirixido a todos os públicos. A artesá vasca dirixirá un taller que ten como obxectivo construír unha escultura inspirada na técnica de niño realizada con vimbio, presente na vida da Catedral e na súa personalidade dende hai 700 anos. Na creación da escultura colaborarán os dez participantes do taller e permanecerá na Catedral exposta aos visitantes.

Por outra banda, desenvolverase un obradoiro de instrumentos tradicionais para adultos da man de Xaneco. A finalidade é dar a coñecer o proceso artesanal de construción dos instrumentos de percusión galegos, coa atención posta no pandeiro, aínda que tamén se traballarán ferramentas, madeiras e peles. Cada participante elaborará, xunto con Xaneco, o seu propio instrumento que, unha vez tensado e afinado, o poderá levar para a súa casa. O obradoiro complétase cun encontro en exclusiva con Xabier Díaz antes do seu concerto.

Os máis cativos poderán participar nun obradoiro de xoguetes sonoros tradicionais, dirixido tamén por Xaneco. Este obradoiro estará destinado a sensibilizar e mostrar o rico patrimonio inmaterial lúdico galego, para o que se transformarán elementos da natureza en tres xoguetes sonoros: asubío de avelá, carrizo de noz e ruxerruxe.

Este proxecto enmárcase na estratexia da Fundación de impulso ao sector artesán, que se centra na aposta pola innovación e o deseño, promovendo a colaboración con outras disciplinas, así como a formación.

http://www.musicanoclaustro.com/
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia