Skip to main content

O deseñador Serkan Cura forma en técnicas da plumería a artesáns galegos

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou o curso de “Perfeccionamento de técnicas de plumería para moda” dirixido polo prestixioso deseñador belga de orixe turca Serkan Cura e impulsado pola Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, no marco da súa programación de formación especializada para profesionais do sector.

Un total de 15 artesáns están a participar nesta acción formativa, que se celebra na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela ata o vindeiro sábado, 5 de setembro e coa que se lle dá continuidade ao curso de iniciación á plumería impartido o ano pasado tamén por Serkan Cura. Especializado nas técnicas de plumería que aplica ás súas pezas creativas, Cura graduouse en deseño de moda pola Royal Academy de Amberes no ano 2007. Rematados os seus estudos, uniuse á firma Jean Paul Gaultier de París, onde traballou durante catro anos no taller creativo. Desde 2012, Serkan Cura conta coa súa propia casa de moda en París.

A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia