Skip to main content

Agadic e Agapi debaten sobre financiamento e distribución audiovisual ante o novo modelo de cine

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) organiza as xornadas informativas 'O novo modelo audiovisual. Financiamento e distribución' que terán lugar os días 9 e 10 de setembro de 2015 na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. O encontro, no que se tratarán temas como as novas axudas automáticas ou a importancia do plan de marketing, conta con subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración da Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (Egeda).

As sesións desenvolveranse no Salón 2 do Edificio CINC en horario de 10.00 a 14.30 h e serán inauguradas o mércores 9 polo director da Agadic, Jacobo Sutil. A continuación, intervirá Lorena González, directora xeral do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, co relatorio 'O novo modelo audiovisual'.

O primeiro día do encontro seguirá cunha mesa redonda sobre 'O papel do produtor ante os cambios previstos no modelo de cine' (12.00-13.30 h), moderada por Chelo Loureiro, socia e produtora en Abano Producións, e na que participarán a produtora Emma Lustres (Vaca Films) e a secretaria xeral da Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles (FAPAE), Mabel Klimt. A última intervención correrá a cargo do director xeral de CreaSGR, Rafael Lambea, cun relatorio titulado 'CreaSGR. Unión de audiovisual Aval SGR e finanzas e servizos SGR'.

O programa do xoves arrancará ás 10.30 h cunha conferencia de Marta Baldó, directora do Máster en Film Business da ESCAC e responsable de marketing da axencia WAW, quen falará sobre 'A importancia do plan de marketing'. O derradeiro relatorio será o impartido por Pedro Peira, produtor e distribuidor en Festimania Pictures, baixo o título 'O papel da distribución na produción de contidos'.

As persoas interesadas en asistir poden reservar a súa praza enviando os seus datos ao enderezo electrónico prensa@agapi.org antes do 7 de setembro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia