Skip to main content

A Deputación de Ourense destinará 200.000 € aos consellos reguladores vitivinícolas para actividades de promoción e xestión

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse na sede do CRDO Valdeorras cos presidentes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas da provincia de Ourense: Miguel Ángel Viso, do Ribeiro; Asunción Rodríguez, de Monterrei; Vicente Solarat, de Valdeorras, e José Manuel Rodríguez, de Ribeira Sacra, dentro da rolda de contactos que mantén o presidente do goberno provincial cos titulares das denominacións de orixe vitivinícolas para analizar estratexias e proxectos de promoción e dinamización deste importante sector económico.

Nesta xuntanza, Manuel Baltar avanzoulles que a Deputación de Ourense destinará aos consellos reguladores da provincia un total de 200.000 euros dos orzamentos de 2016 para accións de promoción e xestión das ditas entidades, “coa finalidade de potenciar a imaxe de marca da industria da viticultura ourensá, caracterizada por ser unha das máis importantes de España tanto polo número de denominacións de orixe como pola calidade dos seus produtos, unha fortaleza que as sitúa en situación de vantaxe nos mercados e que temos que seguir impulsando”, afirmou Manuel Baltar.

Neste senso, os responsables dos consellos reguladores e o presidente provincial analizaron posibles estratexias de promoción para os mercados nacionais e internacionais, as cales se verán reforzadas polo portal web “Enourense”, de comercialización para as adegas das catro D.O. ourensáns. Tamén abordaron a proposta xa anunciada por Manuel Baltar no seu discurso de investidura de crear o Clúster do Viño de Ourense, "que será un instrumento de desenvolvemento para o sector, e a presenza da Deputación de Ourense no mesmo fará que lidere esta importante iniciativa de cooperación e traballo conxunto no sector vitivinícola na provincia”.

Manuel Baltar destacou que as accións de promoción teñen que ir acompañadas de innovación e dunha xestión eficiente, como se ven facendo dende os consellos reguladores, “porque así acadaremos máis penetración nos mercados e poremos en valor a singularidade dos nosos produtos vitivinícolas, algo que sen dúbida nos diferencia dentro deste sector tan competitivo”.

A Deputación de Ourense e os consellos reguladores seguirán a manter estes encontros –o vindeiro celebrarase en Monterrei antes de que remate 2015-, logo dos celebrados en Ourense, no Ribeiro e hoxe en Valdeorras. A finalidade é planificar estratexias de promoción, modernización tecnolóxica e outras actividades vencelladas á promoción e comercialización, coa colaboración do Inorde.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense