Skip to main content

La Vuelta 2016 sairá desde un balneario da provincia de Ourense e percorrerá as catro provincias galegas

La Vuelta Ciclista a España 2016 sairá de novo desde Galicia, concretamente dende un balneario da provincia de Ourense onde terá lugar unha contrarreloxo por equipos. A nosa comunidade albergará, ademais, cinco etapas que transcorrerán polas catro provincias galegas.

Deste xeito, Galicia ocupará, unha vez máis, un lugar destacado neste gran acontecemento deportivo que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre.

Ourense protagonizará outro momento histórico ao igual que o foi o sorprendente comezo dende unha batea en Vilanova de Arousa no ano 2013 ou o remate do pasado ano que mesturouse coa meta do Camiño en Santiago de Compostela.

Así, a nosa comunidade continúa constituíndo un piar fundamental neste evento xa que La Vuelta sairá desde Galicia por segunda vez nos últimos catro anos e por oitava vez na súa historia ao que hai que sumar que solo dúas das últimas 22 finais da ronda española tiveron lugar fóra de Madrid e ambas as dúas foron en Santiago de Compostela.

No 2016, Galicia mostrará de novo todo o seu esplendor a miles de espectadores cun inicio único e cinco etapas que non deixará a ninguén indiferente.

En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou esta mañá La Vuelta ofrece á nosa comunidade unha vez máis unha oportunidade única para continuar coa traxectoria de internacionalización do destino Galicia.

Nava Castro referiuse a este evento deportivo como “unha magnifica ferramenta para dar a coñecer as variadas paisaxes, a sorprendente natureza, a excelente enogastronomía e o noso importante patrimonio cultural diseminado por toda a xeografía galega”.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que La Vuelta constituirá unha carta de presentación da nosa oferta turística a nivel internacional.

Espectacular repercusión mediática

No pasado ano, tanto na saída coma durante a carreira ou na meta de cada unha das etapas que transcorreron polo territorio galego houbo un nivel de asistencia de público masiva rexistrándose un total de 2.100.000 espectadores in situ.

A estes espectadores que se acercaron ata os lugares por onde pasou La Vuelta hai que engadir a espectacular repercusión mediática acadada. O evento foi seguido por un gran número de seguidores a través das pantallas de varios países do mundo acadando a cobertura internacional 190 países dos cinco continentes.

A nivel nacional, La Vuelta tamén tivo unha presenza continuada na televisión con mais de 8 horas de difusión diarias e unha cota de pantalla do 14%, así coma unha audiencia acumulada de mais de 31 millóns.

En total, este evento xerou máis de 18 mil artigos na web, mais de 6 mil artigos en prensa, 600 repercusións na radio e 516 noticias de televisión.

As cinco últimas etapas da La Vuelta 2014 disputadas en terras galegas supuxeron mais dun billón de audiencia e unha valoración de preto de 16 millóns de euros.

Máis de 4 millóns de euros de retorno económico

Ademais, ao impacto mediático e a gran repercusión comunicacional que xerou, hai que unir os beneficios directos que produciu La Vuelta nas zonas polas que transcorreu.

Soamente a organización realizou reservas en 80 hoteis galegos, o que supuxo un total 2.500 prazas hoteleiras ocupadas ás que hai que sumar as prazas dos invitados, medios de comunicación e afeccionados.

Con todo, o retorno económico de La Vuelta 2014 ao seu paso por Galicia foi de máis de 4 millóns de euros, dos que mais de 2 millóns de euros proviñeron da repercusión mediática e os mais de 1,7 millóns de euros restantes viñeron do retorno da inversión directa.

Nota de prensa da Deputación Provincial de Ourense:

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, e o director da “Vuelta a España”, Javier Guillén, anunciaron en Medina del Campo que a 71ª Edición da “Vuelta”, que se celebrará o vindeiro verán de 2016, sairá por primeira vez na historia da provincia de Ourense. O feito de ser o punto de partida, acollendo a primeira etapa deste evento ciclista, foi cualificado como “unha excelente noticia” polo presidente do goberno provincial, quen destacou “o gran impacto promocional e económico que suporá que a “Vuelta” comece na provincia de Ourense, con máis de dúas mil persoas integrando o dispositivo dunha das probas ciclistas máis importantes do mundo”. Manuel Baltar considera que a nosa provincia “será un magnífico escaparate para difundir toda a nosa riqueza natural, artística, histórica e turística, con enclaves tan singulares como a Ribeira Sacra”.

“A importante repercusión mediática da “Vuelta” contribuirá a destacar a singularidade de que a provincia de Ourense é un dos destinos termais máis importantes do mundo”, afirmou o presidente do goberno provincial, quen subliñou o ámbito internacional que acada o termalismo na nosa provincia –centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- e os aspectos técnicos, paisaxísticos e de infraestruturas termais “que fan de Ourense un dos territorios do mundo con mellores condicións para actividades turísticas, de lecer e terapéuticas neste eido, fortalecido todo elo polo Plan “Ourense, a provincia termal” que lle dará a este sector estratéxico o impulso necesario para converter aínda máis ao termalismo nun dos grandes motores da economía ourensá”. Baltar expresou que é moi importante “que toda a rede de balnearios sexa fundamental neste paso da Vuelta por Galicia".

Os organizadores estiman que o impacto dunha etapa da “Vuelta” sitúase ao redor de 350.000 euros, contando os ingresos directos en hostalería e combustible, entre outros, aos que hai que engadir a repercusión mediática e promocional en todo o mundo (chega a 178 países). A isto súmase o importante número de persoas acreditadas para seguir a “Vuelta” que, incluíndo aos xornalistas nacionais e internacionais, son ao redor dunhas mil, aínda que a caravana completa, que abrangue equipos, seguridade, organización e prensa, está formada por unhas 2.500 persoas.

Javier Guillén dixo: “Agardamos que a Vuelta siga co éxito deportivo de ata o de agora. Fai catro ou cinco anos tivo un importante reencontro con Galicia, un dos territorios que máis nos ten dado en cuestión de percorridos e agarimo”.

Nava Castro dixo estar “moi satisfeita e contenta coa saída da Vuelta de Ourense “un escaparate que nos serve para aumentar o turismo, algo que xa temos notado nos últimos anos”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Deputación Provincial de Ourense